Acción exterior Volver a TitularesVolver a Acción exterior
O gran reto pendente da eurorrexión
Xulio Ríos (AGN, 28/09/2008)
 
 

Cabe celebrar esa oficialización da eurorrexión coa creación da Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza, todo un símbolo da vontade de permanencia do entendemento a unha e outra beira do Miño, un proxecto que, por fortuna, vai máis aló das axudas da Unión Europea que ata hoxe cimentaron boa parte dos intereses comúns. Este novo paso debería ir acompañado doutros de claro sentido estratéxico. Un deles procedería centralo na proxección exterior da eurorrexión, é dicir, na definición de políticas e alianzas bilaterais que sitúen a eurorrexión no mundo, moi especialmente no “noso” mundo, aproveitando as respectivas sinerxías en continentes como América ou África. Cabe destacar, por exemplo, como Portugal, ante a diminución das súas exportacións nos mercados máis relevantes (a UE), por mor da actual crise económica, atopou nas antigas colonias africanas, nos chamados PALOP, novas oportunidades para impulsar o seu comercio e a súa economía. O veciño luso está lonxe aínda das cifras de negocio previas á independencia das colonias, pero as empresas portuguesas semellan decididas a superar ese tempo do estancamento que fixo pasar as exportacións do 15% de 1974 ao 2% en 1986. Hoxe rolda o 5,5%, a taxa máis elevada dos últimos 28 anos e as estimacións dos analistas económicas aventuran un regreso prolongado, e en boa medida paliativo, especialmente a Angola, pero tamén a Brasil.

Galegos e portugueses faríamos ben en analizar os mercados africanos e americanos (moi especialmente os dous citados, pero tamén outros como Arxentina, etc) onde unha alianza mixta, pública e privada, podería fortalecer o tecido empresarial e as respectivas realidades económicas, en extremo vulnerables ao comportamento dos mercados da UE.

Esa nova etapa da eurorrexión coincide, por outra banda, cun novo impulso cívico á rexionalización de Portugal cunha campaña que aspira a superar a decepción causada polo fracaso do referendo de hai dez anos, cando os portugueses dixeron “nao” á rexionalización en áreas autónomas. Agora, segundo os promotores, non serían oito, senón cinco, e o Norte unha delas. O avance destas propostas pode favorecer a consolidación dunha simetría institucional moi conveniente para alentar a internacionalización da eurorrexión, toda unha clave esencial para ese futuro sen as grandes axudas da UE.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Acción exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 28/09/2008
Fernando Pol Trigo


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta