| Presenza-Opinión / Oriente Medio |
||||||||
| Karzai Xulio Ríos (AGN, 11/05/2008) |
||||||||
|
Sen dúbida, a maior hipoteca que pesa sobre a acción de goberno do presidente Karzai é a perda de credibilidade, froito desa inoperancia para normalizar a vida política e económica do país. Presentado ante os seus concidadáns como un home de Washington, promovido directamente polo vicepresidente Dick Cheney e os medios petroleiros estadounidenses pero avalado polo conxunto da coalición mundial contra o terrorismo, todo ese amplo respaldo non impediu que a súa lexitimidade fose deteriorándose ata niveis próximos á bancarrota. Karzai xa non, nin agora nin dende hai tempo, a voz capaz de restablecer un mínimo consenso, sequera anti-talibán, de superar os enfrontamentos que dividen o país, de pacificar os diferentes clans e integrar as súas ambicións, alentando unha reconstrución baseada no establecemento dunha economía produtiva, afastada dos cultivos de opio que hoxe constitúen outro exemplo do fracaso, propio e da estratexia internacional, no país. Os señores da guerra, que erosionan sen acougo as promesas de Karzai, son os “patriotas” e as tropas da OTAN son forzas de ocupación. Esa é a radiografía do Afganistán de Karzai, tal como a perciben amplos sectores sociais. Con eses vimbios, sen autoridade nin poder efectivo, sen o respecto da sociedade e dos líderes tribais, con máis atentados ás súas costas (o terceiro e último o pasado 27 de abril cando presidía unha parada militar), de pouco lle ha valer a comprensión e complicidade de Occidente, novamente inmerso nunha canella de difícil saída. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 09/05/2008 |
||||||||
|
||||||||