| Presenza-Opinión |
||||||||
| Ironías da vida Xulio Ríos (AGN, 12/10/2008) |
||||||||
|
As receitas que Washington, directamente ou a través do FMI ou do Banco Mundial, impoñía aos demais países nas últimas décadas, incluían a desaceleración da industrialización e a volta a economías exportadoras de materias primas, as privatizacións, fin dos subsidios, garantías de pago da débeda externa, flexibilización so sistema tributario, eliminación das barreiras cambiarias e flotación das divisas, liberalización absoluta dos sectores de bens e servizos, etc, provocando a intensificación da desigualdade e o incremento das diferenzas na distribución do ingreso, socavando as redes sociais organizadas polo poder público. Hoxe é evidente que cada país debe aplicar programas económicos adaptados ás súas realidades negociando en pé de igualdade cos organismos internacionais e apostando por regulacións que organicen o mercado coidando de que sexa o Estado quen poida garantir a xustiza social. Aquel neoliberalismo que postulaba a cegas a idea de que as forzas do mercado, por si soas, aportarían o progreso e impulsarían o desenvolvemento da economía e dos países, acabou rematando na defensa da cobiza e irresponsabilidade empresariais coa desidia cómplice dos líderes políticos. Aínda hoxe, con toda a que está caendo, cabe sospeitar que esas inercias do pasado acaben convertendo as chamadas iniciativas de rescate en meras operacións de privatización das ganancias e socialización das perdas. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 12/10/2008 |
||||||||
|
||||||||