| Presenza-Opinión |
||||||||
| Crises de abrir e pechar Por Xulio Ríos (AGN, 18/03/2008) |
||||||||
|
O primeiro factor a ter en conta é o estadounidense, presente tanto no estoupido como na solución da crise. Bogotá é un dos poucos réximes proestadounidenses da rexión. Washington préstalle un gran apoio militar co obxecto de combater o terrorismo e o narcotráfico. A asignación podería superar os 600 millóns de dólares anuais. Esa axuda ten o valor estratéxico non só de conter a guerrilla das FARC senón tamén de facer de contrapeso dos gobernos de esquerda presentes en países veciños como Ecuador e Venezuela. A furibunda reacción dalgúns países á extralimitación colombiana e o cariz que ían tomando os acontecementos, levou a Washington a recomendar panos fríos para superar a crise co fin de evitar que afectase ás eleccións xerais en Estados Unidos e impedir a apertura doutra fronte nos seus grandes problemas estratéxicos (Corea do Norte, crise do Medio Oriente, Iraq, Irán…). A desculpa de Colombia ante Ecuador permitiu superar a crise, pero sería imposible, como tamén a transgresión da fronteira, sen o coñecemento e a colaboración previa de Washington. En segundo lugar, as relacións económicas e comerciais entre Colombia e Venezuela son moi estreitas. Un 30% do comercio exterior de Bogotá realizase con Caracas e unha ruptura de relacións significaría un golpe severo para a economía colombiana. En terceiro lugar, a clave rexional tamén é importante. En diferentes graos, a solidariedade con Quito evidenciou o illamento de Colombia nunha rexión, onde, no seu conxunto, a esquerda goberna en catorce países que inflúen de modo significativo nas determinacións das organizacións rexionais. De aí o empeño en involucrar a instancias como o Grupo de Río na solución da crise, salientando a disposición de crecentes capacidades autóctonas para plantar cara aos problemas, iso sí, coa cultura política característica da zona. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 16/03/2008 |
||||||||
|
||||||||