Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
Cambio e realidade
Xulio Ríos (AGN, 01/06/2008)
 
 

  José Luís Machinea; clic para aumentar
Actualmente, en América Latina viven 70 millóns de persoas en condicións de indixencia, e, segundo Machinea (na foto), a crise mundial de alimentos podería aumentar esa cifra en 10 millóns máis.
 
Os últimos datos ofrecidos pola Comisión Económica para América Latina (CEPAL) de Nacións Unidas sobre a evolución dos indicadores sociais nesta rexión, abundan na falta de cohesión e na disparidade existente entre países e no interior dos mesmos, sinalando que a desigualdade é o principal obstáculo para a satisfacción dos dereitos humanos básicos. Á vista diso, José Luís Machinea, secretario xeral da CEPAL, relativizou o valor dos datos promedios rexionais en razón da clara existencia de cidadáns de primeira e segunda categoría, o que obriga a matizar moitos dos avances numéricos globais.

Segundo recolle este informe, en América Latina seguen morrendo cada ano 12 millóns de nenos, dos cales 400.000 falecen antes de cumpriren os cinco anos, 270.000 antes do ano, e 180.000 antes do primeiro mes de vida. A maior incidencia destes índices crónicos en grupos étnicos nativos desvela a persistencia da cruel realidade da exclusión social.

As cifras do impacto do paludismo, a mortaldade materna, nutrición, acceso á saúde en xeral, reflicten enormes deficiencias. Na loita contra a pobreza, o informe sinala melloras esporádicas, pero tampouco nada do outro mundo. Actualmente, en América Latina viven 70 millóns de persoas en condicións de indixencia, e, segundo Machinea, a crise mundial de alimentos podería aumentar esa cifra en 10 millóns máis. A partir dos indicadores recollidos no informe, soamente Cuba e Costa Rica poden presumir dun acceso universal a servizos básicos, circunstancia que non é norma na rexión.

O cambio político en América Latina prosegue e mesmo se acentúa. Dun día para outro, a partir dos resultados dunha elección, novos proxectos irrompen nos palacios gobernamentais. A maioría son conscientes destes desafíos que encararon en etapas anteriores dende diversas militancias progresistas. Non debe ser doado admitir que a transformación desa realidade require algo máis que vontade. Esta é imprescindible, pero vai chegando a hora de respaldala con políticas que fuxan do asistencialismo para consolidar e afondar nas alteracións estruturais, as únicas que poden, de verdade, impregnar de cambio unha realidade que avanza con outros ritmos. Lamentablemente, non só as cousas de palacio van amodo.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 08/06/2008
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta