| Presenza-Opinión |
||||||||
| A Nicaragua de Ortega Xulio Ríos (AGN, 23/11/2008) |
||||||||
|
Segundo fontes oficiais, a formación de Ortega gañou en 103 de 146 municipalidades en disputa, acaparando tamén 12 capitais departamentais dun total de 17. O enfrontamento político coa oposición céntrase en Managua e León, onde as denuncias de fraude, acreditadas coa aparición de milleiros de papeletas nun vertedoiro municipal, e a calada resposta das autoridades electorais alentaron os incidentes. O ex-presidente Alemán, condenado a 20 anos de prisión por corrupción e lavado de diñeiro que cumpre na propia casa por mor do pacto subscrito con Ortega, cualificou a situación de asalto á institucionalidade, mentres simpatizantes duns e doutros intentaban resolver as diferenzas a pedradas, con resultado de varios feridos e mortos. A intervención da Conferencia Episcopal e outros axentes sociais reclamando, en sintonía coa oposición, o cotexo das actas, abriu un compás de espera de resultado, polo momento, incerto. Nicaragua vive a peor crise política dos últimos vinte anos, afirmase a coro. A presenza de observadores nacionais ou estranxeiros, rexeitada polo goberno de Ortega, achegaría mais garantías de transparencia, valor seica menos importante ca o da “inxerencia”. Ortega malvive instalado no eterno dilema entre medios e fins, pero unha vez mais acaba outorgando a primacía aos segundos. E sobre esa base resulta difícil construír un proxecto autenticamente emancipador por mais que a cousa se disfrace cun discurso progresista que a maioría dos vellos sandinistas descualifican sen contemplacións apelando mesmo ao voto na dereita como medida desesperada e sendo por iso obxecto dunha persecución inaceptable que contrasta co cárcere de veludo de Alemán. Non hai poder, hai abuso de poder e nada máis, dixera Montherlant. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 24/11/2008 |
||||||||
|
||||||||