| Presenza-Opinión |
||||||||
| A crise de Europa Xulio Ríos (ECO, agosto/2008) |
||||||||
|
Pero mal faríamos en converter os irlandeses en chivos expiatorios da enésima varada do proceso europeo en vez de afondar nas causas do acontecido. Se Europa perdeu algún tren, non foi o da mundialización económica, senón a oportunidade de configurarse como unha voz política diferente e autónoma no concerto mundial. Por esa recuperación non clama Sarkozy. Máis ca nunca, da a impresión de que o muro de Berlín caeu para os dous lados, e se o oriental, segundo as pautas establecidas, leva camiño de refacerse coa visión da integración continental como un mercado e fonte de recursos para o seu desenvolvemento, no occidental, persiste o desconcerto, agravado pola falta de ambición dos seus líderes. Europa, ao igual que Xapón, non logra librarse do seu pasado recente nin recuperar a normalidade histórica. Só a perda de poder e de influencia de EEUU, contrariamente aos que en Europa apostan por reforzar a alianza transatlántica (como Sarkozy), pode facilitar aquí e en Asia a afirmación de tendencias doutro signo, máis equilibradoras da orde mundial. As presas de Washington, co apoio explícito de Polonia e Chequia, en impedir ese escenario con iniciativas como o escudo antimísiles, é unha resposta a esa hipótese que podería concretarse nun par de décadas. A filigrana institucional lograda en Lisboa ten todo o aquel de componenda tradicional do facer comunitario, pero a diferenza de tránsitos pasados, non logra fortalecer a entidade, que segue varada na incerteza. É un acordo de mínimos que vai a menos. Probablemente, a tan criticada falta de apego cidadán á construción europea sexa máis acusada entre os actuais líderes europeos, cada día máis centrados nas súas propias políticas internas, xestionadas a golpe de circo mediático e cuns intereses que fan dubidar da viabilidade do proxecto integrador, o que se traduce nunha manifesta incapacidade para transmitir algo de ilusión. A cidadanía, pola contra, raramente discreparía dunha Europa dona de seu e comprometida cos valores que animaron o seu proceso nos inicios. Dirase que non hai que tirar a toalla, que é un proceso laborioso e que canto se logrou é moito e irreversible. As inercias e as dependencias mutuas non fan perigar nada substancial do entramado económico. Pero, non se esqueza, torres máis altas caeron. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 20/07/2008 |
||||||||
|
||||||||