|
| |
 |
| No seu discurso da noite do martes, Obama sinalou
algúns desafíos: dúas guerras, o planeta en perigo e a peor crise financeira nun século.
Ata finais de setembro, o goberno acumulaba un déficit fiscal de 455.000 millóns de dólares.
Obama abre esperanzas para reducir as desigualdades e reverter o proceso, escandaloso, de exencións tributarias
promovido por Reagan e sucesores, como mecanismo primordial para fomentar o crecemento. |
| |
Agardan a Obama serios retos. Os problemas que herda no eido económico non son menores, cunha recesión
ás portas que promete ser longa e dura. No seu discurso da noite do martes, Obama sinalou algúns
desafíos: dúas guerras, o planeta en perigo e a peor crise financeira nun século. Ata finais
de setembro, o goberno acumulaba un déficit fiscal de 455.000 millóns de dólares. Obama abre
esperanzas para reducir as desigualdades e reverter o proceso, escandaloso, de exencións tributarias promovido
por Reagan e sucesores, como mecanismo primordial para fomentar o crecemento. Esta dimensión do seu proxecto,
substancial para propiciar unha autentica redistribución dos ingresos, non é menor en calado á
esperanza de pasar páxina no problema racial, tan singular como a propia superación da indiferenza
política entre as capas máis novas da sociedade e que nesta ocasión mobilizaronse de forma
notoriamente visible. Estes dous factores indican a emerxencia de dúas claves internas que poden adquirir
unha notable transcendencia na etapa política que agora se inicia, deixando atrás o ideario conservador
baseado na triloxía: defensa forte, benestar baixo mínimos, presión fiscal á baixa.
Á refundación republicana úrxelle atemperar estes vimbios.
Por outra banda, se ben a economía será o tema principal da súa axenda, no tempo actual,
a súa xestión semella inseparable do artellamento dunha diplomacia que mellore a imaxe internacional
e renove os vínculos de EEUU cos seus principais aliados. Á primeira de cambio, en Europa lembrarase
o discurso de Obama en Berlín e reclamarase esa disposición para construír, en común,
un novo sistema de relacións globais que peche aquí o século XX e os seus pesados fardos.
A aposta pola cooperación internacional e polo recurso a medidas diplomáticas, sinaladas como tendencias
do seu programa, non suporán xiros de cento oitenta graos no facer de Washington, pero afastan maiores frustracións,
especialmente entre todos aqueles, pequenos e grandes, amigos e rivais, que desconfían do predominio exclusivo
da política de forza.
A crise financeira deixa como reto a importancia de encarar unha reforma a fondo das institucións establecidas
sobre as cinzas da segunda guerra mundial. Sobre Obama pesará boa parte da responsabilidade de acadar un
novo equilibrio entre a salvagarda dos intereses estatais estadounidenses e a afirmación dun multilateralismo
que, paso a paso, facilite unha maior pluralidade na xestión do sistema global.
|