Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Europa/ Europa
Que a UE eduque tamén as súas etnias
Por Xosé Manuel Figueiras (A Nosa Terra, 10/04/2008)
 
 

  Bazar todo a cen, clic para aumentar
Dá igual que ese país (China) respecte ou non os dereitos humanos, a liberdade de reunión, ou de información. Trátase de que os “Todo a 100” do mundo estean ben surtidos, e voltemos ao escenario dos xogos olímpicos do 36 en Berlín. Onde tamén unha gran nación pretendía recobrar influencia e amosarse no escaparate da modernidade. (Foto: Artigos diversos nunha tenda todo a cen).
 
Ata que punto a actitude da comunidade internacional pode estar basicamente condicionada polos intereses económicos, e xeopolíticos, e por tanto á marxe duns criterios de ética e defensa dos dereitos humanos? Afastándonos dos discursos hipócritas, a Unión Europea ofrécenos unha resposta clara e sen complexos: se trata de intereses económicos primordiais como poden ser as relacións cun gran actor internacional como China, en lugar de Serbia, a flexibilidade neste senso é total e sen discusión.

Así se explica a falla de medidas de presión contra o réxime chinés, mentres se demoniza ó veciño norcoreano, ou nos apenamos dos pobres cubanos baixo o réxime de Fidel Castro ao mesmo tempo que o goberno de Pequín segue batendo os récords de penas capitais, censuras sobre todo lonxe da capital, e unha política capitalista sen trabas, que permite que uns sexan cada día máis ricos e outros máis escravos sen lei nin orde, tanto en canto o réxime busca “o seu camiño” cara a evolución da China.

Os 27 non queren problemas, e conténtanse con demandar o respecto da cultura e as tradicións tibetanas, e de paso doutras minorías que non o son tanto, expresando a preocupación pola falla de transparencia na información. A celebración duns xogos olímpicos, nos que se pretende ofrecer unha imaxe de prosperidade e influencia recobrada, nada ten que ver coa imaxe que o país organizador proxecta cara o exterior segundo os 27.

Dá igual que ese país respecte ou non os dereitos humanos, a liberdade de reunión, ou de información. Trátase de que os “Todo a 100” do mundo estean ben surtidos, e voltemos ao escenario dos xogos olímpicos do 36 en Berlín. Onde tamén unha gran nación pretendía recobrar influencia e amosarse no escaparate da modernidade.

De calquera forma, como a Unión Europea non presenta o seu propio equipo na competición (tan só presenta 27 equipos), é necesario, segundo eles, disociar a cuestión da competición deportiva, os xogos en si, da cuestión política, os dereitos humanos. Todo a prol do benestar e integridade da China que ten un problema interno polo que si que se preocupan os altruístas europeos. Cómo cambiou o conto da inxerencia nos asuntos internos, dende hai un par de meses para aquí. Daquela solucionaron as inquedanzas por Serbia, tallándolle o anaco cosovar.

Pero China é terra sagrada, que ademais morde. Ningún estranxeiro ou organización internacional ten o dereito de se inxerir a pesares das circunstancias, das que en moitos casos nin sequera chegamos a decatarnos. Qué torpes eses serbios dos Balcáns, que venderon a alma da integridade territorial para entrar na UE, e se esqueceron de reforzar a educación das masas de tódalas etnias, olvidando de paso unificar o pensamento e a consciencia de cada un, na crenza de que só o Partido X pode abrir o camiño cara o futuro. E indo máis lonxe: qué mágoa que a Comisión Europea non reforce tamén a educación das súa etnias!

 
 

Xosé Manuel Figueiras,
colaborador do Igadi.

Xosé Manuel Figueiras, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Europa



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 08/04/2008
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta