| Presenza-Opinión / Outros |
||||||||
| Parcheando o capitalismo Xosé Manuel Figueiras (A Nosa Terra, 24/12/2008) |
||||||||
|
Quen máis empeño puxo niso, probablemente fose o primeiro ministro británico Gordon Brown, quen presentou un plan para inxectar capital nos bancos a cambio dunha participación substancial no accionariado desas empresas clave. Buscaba así, non só estabilizar o sistema bancario británico, ameazado pola exposición aos créditos subprime americanos e á cáustica burbulla inmobiliaria existente na casa, senón tamén reactivar o mercado de crédito para que non se parase a produción e o consumo. Brown desatendeu algunhas recomendacións que lle facían os seus homólogos do continente europeo e fixo o que cría oportuno. Máis tarde cualificárono de “aportación fundamental” que serviu de base dun encontro europeo. A primeira parte do seu plan funcionou, e a popularidade de Brown incrementouse despois de moito tempo, e mesmo chegaron a chamalo Flash Gordon. Pero en menos de dous meses o plan empeza a facer augas, e enfróntase ao criticismo dos prestamistas, economistas e a oposición, ao non conseguir resolver os problemas do mercado de empréstitos. O primeiro ministro promete un segundo episodio para resolver o problema. O problema é que algúns bancos non poñen o diñeiro que lles foi prestado no mercado endurecendo as condición dos empréstitos debido aos temores da crise, co cal o plan non funciona. O goberno decidiu en outubro aportar 75.000 millóns de dólares a tipos de xuro actuais, comprando parte dos bancos con problemas para vendelos de novo unha vez que o mercado se recompoña. Amais diso, agardábase unha liña financeira separada para apoiar o crédito interbancario, xunto aos recortes de intereses e estímulos fiscais por valor de 20.000 millóns de dólares. Non obstante, a realidade foi outra, e aínda que os tipos de xuro nos prestamos interbancarios comezaron a decrecer, permaneceron relativamente altos debido a que os bancos continúan a acumular capital preocupados polo aumento dos impagos. A fin de contas, os bancos foron incapaces de transmitir os recortes nos tipos de xuro, e, por poñer un exemplo, un préstamo a dous anos con tipos de xuro fixo caeu 0,71% en novembro comparado co recorte de 1,5% puntos do banco central no mesmo mes. Por outro lado, a recapitalización dos bancos que levaría á suposta recomposición do mercado dos créditos, tampouco funcionou desa maneira. Buscábase que os bancos reduciran riscos e retornaran ao vieiro dos beneficios para así devolver os cartos prestados polo goberno, metendo presión para que puxesen diñeiro no mercado e aceptar de novo riscos que reactivasen a economía. Non obstante estes obxectivos son contraditorios e é preciso priorizar. Dende distintos foros non se aclaran. Para uns é necesario poñelo diñeiro no mercado, e para outros é recuperar canto antes o diñeiro público, e como era de agardar para uns cantos máis, o diñeiro non chega. Brown esperaba que a inxección de capital daría liquidez aos bancos para poder liberarse do lastre dos produtos contaminados mercados nos Estados Unidos, e equilibrar os balances, pero en realidade moitos bancos que loitan por sobrevivir no que se agarda un longo e duro ano de recesión, permanecen paralizados. Iso leva á desesperación. Hai quen argumenta que o diñeiro non foi suficiente, sendo difícil prestar cartos cando se incrementan o desemprego e a recesión ocasionando máis morosidade. Pero para iso tamén hai un parche de 10.000 millóns de libras, xa que o desemprego será xa a prioridade oficial no 2009. Preténdese crear 100.000 postos de traballo nos vindeiros dous anos a través da renovación de infraestruturas. Unha reedición do New Deal. En fin, do que se trata é de ir parcheando un día si e outro tamén, ata lograr iso que din de refundar o capitalismo. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 25/12/2008 |
||||||||
|
||||||||