| Presenza-Opinión / Outros |
||||||||
| Volve a proliferación nuclear? Roberto Mansilla Blanco (A Nosa Terra, 09/10/2008) |
||||||||
|
A visita da secretaria de Estado estadounidense, Condoleezza Rice, a Nova Delhi reforza un marco de cooperación iniciado no 2006, con non menos críticas e especulacións por parte doutros países como China, Paquistán e Irán. Precisamente, a posible sincronía entre Washington e Nova Delhi altera o delicado equilibrio atómico nesta rexión, así como o sistema tradicional de alianzas. Este novo panorama nuclear tamén se evidencia ante o recente acercamento nuclear entre a UE e India, trala visita a París do primeiro ministro hindú, Mahmoan Singh. Washington reforza unha estreita alianza nuclear con India, país que non asinou o TNP, mentres afonda maiores sancións e unha política de liña dura con Irán, país que si asinou o TNP en 1968 pero que vese cercado ante a presión occidental e a recente alianza indo-estadounidense, da cal tamén formaría Israel. Como India, outros aliados estratéxicos de Washington como Paquistán e Israel tampouco asinaron o TNP. Velaí que a xeopolítica segue constituír un claro factor decisivo. A saída en Paquistán do ex presidente Pervez Musharraf e o cambio de goberno posterior, que deu paso a unha dura reacción contra a política pro-estadounidense de Musharraf, son factores que puideron persuadir ao goberno estadounidense a reforzar a cooperación con India, veciño e tradicional rival paquistaní. Os recentes incidentes na fronteira afgana entre patrullas do exército paquistaní e helicópteros estadounidenses que buscaban atacar posicións talibáns explican a frialdade actual nas actuais relacións entre Islamabad e Washington. Noutros contextos, resultan relevantes diversas manifestacións de inéditas alianzas de tipo nuclear. Brasil acaba de asinar acordos de cooperación nuclear con Francia ao mesmo tempo que o presidente venezolano Hugo Chávez anunciou a súa intención de desenvolver un “programa nuclear pacífico” con cooperación rusa, trala súa xira realizada por Moscova e Pequín. Ante a perspectiva da actual tensión existente entre Rusia e EEUU, o incremento da cooperación militar ruso-venezolana (en novembro próximo achegarase ás costas do Mar Caribe unha flota rusa para participar en exercicios conxuntos coa armada venezolana), así como as presuntas evidencias de que Corea do Norte segue a manter o seu programa nuclear cando a comezos de ano anunciara o remate do mesmo, a nova realidade nuclear daría paso á realpolitik das novas alianzas. Esta situación confronta o seu test mais importante no caso iraniano. Con Israel como única potencia nuclear non oficialmente recoñecida en Oriente Próximo e o actual marco de cooperación indo-estadounidense, en Teherán poderán aumentar as demandas por afondar o seu programa nuclear como principal mecanismo de defensa, tomando tamén en conta que no 2009 celebraranse novas eleccións e o tema nuclear supón un activo ineludible na campaña política. A pesar de que nos derradeiros meses aparentemente debilitouse a posibilidade dun ataque militar israelí con apoio estadounidense cara Teherán, o dossier nuclear dese país segue a estar no centro da atención. Nesa perspectiva, o primeiro ministro israelí Ehud Olmert viaxará a próxima semana a Rusia a fin de medir o nivel de conflitividade do dossier nuclear iraniano. Cunha crise económica global en plena efervescencia e un mundo en plena transformación, esta nova realidade de alianzas nucleares ameaza con espallar un clima de inestabilidade. Cuestionar a capacidade política e operativa do TNP pode dar paso a unha etapa de arriscada proliferación nuclear. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 07/10/2008 |
||||||||
|
||||||||