| Presenza-Opinión / Oriente Medio |
||||||||
| Vésperas iranianas Roberto Mansilla Blanco (Vieiros, 18/06/2008) |
||||||||
|
Recentemente, un maxistrado iraniano, Abbas Palizdar, acusou publicamente a uns 40 altos funcionarios estatais e líderes relixiosos iranianos, de “fomentar a corrupción” e de formalizar unha especie de “mafia financeira”, con claras repercusións na escena política e social. Entre os acusados por Palizdar está Alí Akbar Hashemi Rafsanjani, ex presidente e rival electoral de Ahmadíneyad no 2005, tamén considerado un dos homes mais ricos do país, así como un alto imán de Teherán, Mohammed Emami Kazán. O maxistrado Palizdar foi posteriormente detido polas autoridades.
Os efectos destas acusacións evocan aires de inevitable signo electoral. A baixa na popularidade do presidente Ahmadíneyad está socavando as súas posibles opcións de reelección no 2009, en gran medida derivadas do esgotamento social interno ante a constante confrontación verbal e o pulso nuclear con Occidente, as sancións internacionais e a crise económica, a pesar dos elevados prezos do cru. Non obstante, dende a súa chegada ao poder no 2005, Ahmadíneyad ven constituíndose nun dos principais acusadores do excesivo enriquecemento de diversos funcionarios e líderes políticos e relixiosos, como Rafsanjani, así como da constitución dunha especie de “círculo vicioso” financeiro e político, instalado nas altas esferas do poder. Este discurso anticorrupción, enmarcado tamén na defensa de programas sociais para as clases populares, permitíronlle vencer nas eleccións de 2005 con mais do 60% dos sufraxios. Velaí que diversos sectores reaccionarios en Irán, probablemente afectados polas denuncias anticorrupción, tenten actualmente verter unha presunta relación entre Palizdar e Ahmadíneyad. Estes sectores están aparentemente incluídos nunha determinada elite do poder, principalmente asentados nas filas conservadoras críticas coa xestión de Ahmadíneyad. A detención de Palizdar e o silencio oficial revelan síntomas de afastamento cara esta liña crítica con pesos pesados do sistema político da República Islámica. A recente vitoria conservadora nas eleccións lexislativas de marzo pasado, ocupando un 70% do Parlamento iraniano, non só deixou case fora de combate político aos reformistas (con escasas e case nulas opcións electorais para o 2009) senón que tampouco significou unha excelente noticia para Ahmadíneyad. Diversos sectores conservadores alentan a candidatura presidencial de Alí Laríyani, ex negociador nuclear e actual presidente do Parlamento, como rival de Ahmadíneyad para as presidenciais de 2009. Entre outros aspectos, estes sectores políticos, relixiosos e sociais consideran que, con Laríyani na presidencia, Irán podería retomar as negociacións con Occidente no apartado nuclear, constantemente obstaculizadas con Ahmadíneyad no poder. Por iso, todas as miradas diríxense cara o poderoso aiatolá Alí Jamenei, tradicional mentor político de Ahmadíneyad, e quen atopase nunha complicada situación como árbitro e moderador da política iraniana. A caída na popularidade de Ahmadíneyad e a crecente influencia da Garda Revolucionaria Iraniana como factor de poder nas institucións do Estado e nas Forzas Armadas, auspiciada polo propio Ahmadíneyad e que ven provocando roces con diversos grupos de poder en Teherán, probablemente persuadan ao aiatolá Jamenei a equilibrar a balanza con outras cartas políticas. Velaí que a súa inmediata aprobación do nomeamento de Laríyani como presidente do Parlamento ben podería evidenciar a intención do aiatolá Jamenei de posicionarse a favor de Laríyani como rival electoral de Ahmadíneyad, dentro dunha estratéxica e non menos delicada operación destinada a equilibrar o xadrez político iraniano.
Concentradas estas cartas na area política interna, estes factores de tensión non están exentos da influencia en Teherán das variables internacionais. Irán segue a estar no punto focal de atención para EEUU e Israel, especialmente tomando en conta a recente xira do presidente estadounidense George W. Bush por Oriente Medio e Europa, onde pediu aos países árabes que “evitaran” a conformación dun Irán con capacidade nuclear mentres que, aos seus aliados transatlánticos europeos, instou un endurecemento das sancións internacionais contra Teherán. Así, de cara aos comicios presidenciais de novembro próximo e nos seus últimos meses na Casa Branca, Bush volve a colocar no centro de atención o “perigo nuclear” iraniano. Ven sendo frecuente nos recentes discursos do candidato republicano John McCain realizar determinadas referencias a Irán como unha “ameaza á seguridade nacional” estadounidense, fomentando así unha corrente de opinión tendente a reforzar as sancións contra ese país ou ben para iniciar algún tipo de acción militar “punitiva e preventiva”. No caso do candidato demócrata Barack Obama, quen anteriormente expuxera a súa intención de dialogar e negociar directamente con Teherán, agora existen diversos matices. Tras oficializarse a súa candidatura presidencial, Obama asistiu a un congreso da AIPAC, o principal lobby xudeu en EEUU, onde amosou un inédito e frontal apoio a Israel, garantindo que EEUU defenderá a este país de calquera tentativa de ataque de Teherán. Este repentino acercamento de Obama cara Israel, de clara intencionalidade electoral, altera considerablemente a súa posición con respecto non só a Irán senón a outros escenarios de importancia en Oriente Medio, como son Palestina, Líbano e Siria. Precisamente, a actual crise política israelí, coa posibilidade de caída do goberno de Ehud Olmert e dun adianto electoral, así como a recen fracasada negociación de paz entre Israel e Siria, este último país tradicional aliado de Teherán, aparcan momentaneamente a posible concreción de maiores plans militares israelís de ataque ás instalacións nucleares iranianas. Todos estes factores volven a colocar a Irán no centro da atención xeopolítica. As tensións políticas internas e o incesante acoso exterior dende Washington e Tel Aviv incrementan unha serie de escenarios tan complicados como decisivos para Teherán nos próximos meses. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 21/06/2008 |
||||||||
|
||||||||