| Presenza-Opinión |
||||||||
| Tristes dereitos humanos para Uribe Roberto Mansilla (A Nosa Terra, 06/11/2008) |
||||||||
|
Os informes confirman que, desde que en 2002 Álvaro Uribe Vélez fora elixido por vez primeira como presidente de Colombia, as execucións extraxudiciais “triplicáronse de forma alarmante”, segundo comentou a sudafricana Navi Pillay, alta comisionada da ONU para os Dereitos Humanos, durante unha visita a Bogotá. Para o 2007, estas execucións achegáronse case ao millar de persoas. Con isto, o grave problema dos dereitos humanos estoupa directamente na imaxe e credibilidade de Uribe xusto cando a súa estratexia de “seguridade democrática” e a consecuente presión e acoso militar do Exército colombiano contra a guerrilla das FARC, esta a outorgarlle excelentes dividendos nos planos político e militar. Pero non só as execucións extraxudiciais están afirmando complicacións políticas para o goberno de Uribe. O escándalo da “parapolítica”, a vinculación de funcionarios e deputados do partido de Uribe con líderes paramilitares, está afectando igualmente a súa imaxe pública. Diversos altos cargos de goberno e deputados oficialistas deberon renunciar aos seus cargos, salpicados por este escándalo político. Paralelamente, existen condicionantes no avance do programa da Lei de Xustiza e Paz impulsado por Uribe a partir de 2005, destinada á desmobilización dos grupos armados, sendo inicialmente os paramilitares. Son notorias as intimidacións, presións políticas e agresións contra familiares e testemuñas das vítimas do conflito armado, que se traducen unha sensación de impunidade legal que afecta directamente á poboación civil, especialmente nas áreas rurais. Se ben Uribe exhibe indubidables éxitos na súa estratexia de acoso militar contra as FARC (que están provocando desercións e detencións de altos mandos da guerrilla) así como notables resultados económicos, as protestas sociais contra o seu goberno comezan a adquirir un ton preocupante. A comunidade indíxena colombiana ven premendo con forza con diversas protestas nacionais, para que o goberno de Uribe recoñeza os seus dereitos culturais e ambientais. Atenazado por esta inesperada presión social cara materias ata agora pouco enfocadas polo seu goberno, tales como o combate á pobreza e os dereitos humanos, Uribe amosou unha dura irritación oficial ante os informes de Human Rights Watch, así como case adoptou unha posición tendente a “criminalizar” as protestas dos indíxenas. Con estes casos inesperadamente activados, e a fin de evitar complicacións políticas para a súa imaxe, Uribe desistiu de seguir premendo, vía lexislativa e xudicial, a posibilidade dunha nova modificación constitucional que lle permitira poder presentar a súa candidatura por terceira vez ás eleccións presidenciais de 2010. Con estes frontes en marcha, Uribe necesitaba realizar audaces golpes de efecto. A finais de outubro, coincidindo coa visita de Navi Pillay, o mandatario colombiano realizou unha inédita e inesperada purga militar con claro cariz político, ao destituír a 30 oficiais das Forzas Armadas, incluíndo tres xenerais e sete suboficiais, acusados de desaparición e fusilamento de 11 civís cometidos na poboación de Soacha a mediados deste ano, e que as autoridades militares presentaron como baixas no combate contra a guerrilla. A pesar de contar con elevados índices de popularidade, de avanzar vitoriosamente na súa confrontación contra as FARC e de amosar a sensación de recuperar a confianza moral pública, Uribe asoma a posibilidade de verse inmerso nun grave problema de violación de dereitos humanos. Con isto, o seu principal reto de aquí ao final do seu mandato no 2010 probablemente será tentar recuperar o nivel de lexitimidade gobernamental ante unha opinión pública alarmada polas evidencias das execucións extraxudiciais. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 04/11/2008 |
||||||||
|
||||||||