| Presenza-Opinión |
||||||||
| Somalia: anatomía dun “Estado fallado” Por Roberto Mansilla (Vieiros, 23/04/2008) |
||||||||
|
Unha ollada á historia contemporánea somalí ilustra un escenario repleto de golpes militares, unha prolongada guerra civil, enfrontamentos étnicos e tribais, unha fracasada invasión militar “de pacificación” por parte de EEUU en 1993, a evidente fragmentación territorial en rexións controladas por xefes e clans tribais e a consolidación de movementos islamitas radicais, presuntamente afiliados á ideoloxía “yihadista salafista” de Al Qaeda. A guerra civil iniciada en 1991, trala caída do goberno de corte socialista de Siyad Barreh, deixou practicamente sen autoridade estatal lexítima a este territorio de aproximadamente 637.660 km2, cunha poboación de 8.228.000 de persoas, cuxa principal actividade económica son as actividades agrícolas. Así, nun estado de anarquía caótica, certificouse unha marcada fragmentación territorial baixo o control de diversas faccións militares e “señores da guerra”, pertencentes a determinados clans tribais, tales foron os casos das rexións norteas de Somaliland antigamente dominada polos colonos británicos, e Puntland, que practicamente constituíronse en entidades semiestatais separadas a partir de 1993. Esta ausencia dunha autoridade central eficiente e lexítima foi un síntoma constante no desenvolvemento da inestabilidade interna somalí desde 1991. En 2000 constituíuse un Goberno Federal Transitorio, incapaz de garantir a orde estatal. A recente auxe de diversas correntes islamitas, algunhas delas radicais, non só contribuíu a incrementar este caudal conflitivo senón a exacerbar as diferenzas tribais entre os somalís. Algúns destes movementos islamitas constituíronse nos denominados “tribunais islámicos”, cuxa actuación nos derradeiros anos complicou a viabilidade da autoridade do Goberno Federal Transitorio baixo o mando presidencial de Abullahi Yusuf Ahmed. O débil goberno central afincado na capital Mogadiscio acusa aos “tribunais islámicos” de ser unha plataforma de Al Qaida para expandir a súa ideoloxía e o “terrorismo islamita” no Corno de África. Neste sentido, Washington activou a partir de 2007 un novo comando central militar na África central e occidental, destinada a fortalecer o goberno de Yusuf Ahmed, con apoio etíope, e evitar unha proliferación de presuntos grupos pro-Al Qaeda na rexión oriental do continente africano. Paralelamente, resulta notoria a influencia de Etiopía como factor político e militar externo que, en diversas ocasións, interveu militarmente a fin de estabilizar momentaneamente o país. A partir de 1992, Etiopía sufriu no seu propio territorio o alcance da violencia e inestabilidade somalí, debido ás frecuentes invasións de milicias tribais somalís á fronteiriza rexión etíope de Ogadén. Desde xaneiro de 2007, a petición do presidente Yusuf Ahmed e co beneplácito estadounidense, as forzas armadas etíopes ingresaron en territorio somalí para atacar, con notoria brutalidade, ás milicias simpatizantes cos “tribunais islámicos”. A posterior retirada militar etíope deu paso ao despliegue de tropas de paz baixo o mando da Unión Africana, recuperando dun xeito substancial o control central baixo o presidente Yusuf Ahmed, tras varios anos de baleiro de poder. Non obstante, ao longo de 2007, as tropas africanas e estatais somalís deberon confrontarse cunha especie de “guerrilla urbana” islamita, provocando un millóns de refuxiados somalís nos países veciños, especialmente Etiopía e Kenia. Esta situación alertou á ONU e diversas ONGs que, en novembro de 2007, consideraron publicamente que a violencia en Somalia era “a peor catástrofe de África”, incluso superior á crise que sufre a rexión sudanesa de Darfur. Con todos estes factores en acción, poucos dubidan da certificación de que Somalia é unha posible ficción como Estado nacional, con características propias dun “Estado fracasado”, incapaz de manter a orde central e con vías á disolución territorial. Este caótico escenario aumenta o seu caudal de conflito coa mais que probable expansión rexional dunha vertente do islamismo radical salafista e como posible base de operacións para a actuación de grupos afiliados ou non a Al Qaida. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 26/04/2008 |
||||||||
|
||||||||