Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/África/ África
Réquiem polo Sáhara?
Roberto Mansilla (Xornal, 17/11/2008)

Versión en PDFVersión para imprimir

 

  Peter van Walsum; clic para aumentar
Nunha conxuntura notoriamente negativa para os intereses saharauís, resulta claro que a monarquía marroquí pretende “picar adiante” ante calquera eventualidade. A ONU aínda non designou o substituto de Peter van Walsum (na foto), o seu ex enviado para levar adiante as negociacións sobre o Sáhara Occidental, e que renunciara en agosto pasado por considerar “atascado” o proceso de negociación.
 
O anuncio do monarca marroquí Mohammed VI de iniciar un proceso de descentralización nacional, comezando coa “rexionalización” do Sáhara Occidental, realizado a comezos de novembro, está traducido na definitiva decisión política de Rabat destinada a sepultar a eventual celebración no futuro do lexítimo referendo de autodeterminación saharauí, acordado en 1991 e defendido pola ONU.

Nunha conxuntura notoriamente negativa para os intereses saharauís, resulta claro que a monarquía marroquí pretende “picar adiante” ante calquera eventualidade. A ONU aínda non designou o substituto de Peter van Walsum, o seu ex enviado para levar adiante as negociacións sobre o Sáhara Occidental, e que renunciara en agosto pasado por considerar “atascado” o proceso de negociación. Precisamente, Rabat acusou a van Walsum de manter unha posición pro-saharauí.

Outro aspecto de importancia pode identificarse na elección de Barack Obama como presidente de EEUU. A diferenza da administración Bush, escasamente interesada polo asunto saharauí e que considera a Marrocos un aliado na loita antiterrorista mundial, Rabat amósase persuadido a tomar unha decisión a todos visos ilegal, unilateral e inmediata, calculada ante a posible deriva pro-saharauí por parte da futura administración de Obama a partir de xaneiro de 2009.


As cartas de Rabat

A rexionalización proposta polo monarca Mohammed VI pretende outorgar maiores atribucións de descentralización ás 16 rexións recoñecidas oficialmente polo centralizado Estado marroquí, nas que obviamente inclúese o “Sáhara marroquí”. Rabat espera así potenciar unha serie de investimentos en infraestruturas e desenvolvemento económico no Sáhara, como medidas destinadas a “adormecer” as demandas independentistas e obstaculizar a posibilidade de realizar o referendo.

O temor marroquí de que eventualmente Obama simpatice cunha solución política destinada a impulsar o referendo é aínda pouco sostible. Os saharauís esperan un cambio de estratexia desde Washington, pero ofrécense poucas perspectivas tomando en conta a inexistencia dun substituto de Peter van Walsum e a paralización das roldas de negociación en Manhasset (EEUU), que inclúen a Marrocos, o Fronte Polisario como representante oficial da República Árabe Saharauí Democrática (RASD), así como Alxeria.

Paralelamente, a actual perspectiva europea, particularmente española e francesa, está favorecendo os intereses marroquís. A mediados de outubro, a UE outorgou a Rabat o seu “Estatuto Avanzado de Cooperación”, colocando a Marrocos como o primeiro país da ribeira mediterránea en ser favorecido por este estatuto europeo, que lle permite formar parte dun “espazo económico común” coa UE, enmarcado tamén na nova estratexia mediterránea impulsada polo presidente francés Nicolás Sarkozy.

Precisamente, Marrocos beneficiarase das axudas económicas de Bruxelas que, para o período 2007-2010, están calculadas en 654 millóns de euros. Dentro destes acordos, Rabat e a UE avanzaron na explotación conxunta das reservas pesqueiras, de fosfato e incluso petroleiras, precisamente existentes na zoa económica exclusiva próxima ao Sáhara Occidental.

Dentro deste “estatuto avanzado” marroquí, Rabat tamén poderá participar en organismos europeos como Eurojust (xustiza), Europol (policía) e a Axencia Europea de Seguridade Aérea, o cal reforza o interese estratéxico europeo cara este país, precisamente en materia de cooperación contra a inmigración ilegal e o terrorismo de corte islamita, moi afincando no Magreb. Velaí a similitude de intereses de Rabat cos gobernos de Zapatero e Sarkozy, principais interlocutores europeos no asunto saharauí.

Cumpre observar que, en comparación coa UE, Washington igualmente posúe un Acordo de Libre Comercio con Marrocos que, curiosamente, exclúe ao Sáhara Occidental de calquera compromiso. Esta posición estadounidense incrementa os temores de Rabat de que, cunha nova administración na Casa Branca, amplíense os intereses saharauís en Washington.


Retorno á loita armada?

Se ben nos acordos e intereses políticos internacionais, Marrocos semella posuír as cartas ao seu favor, resulta diferente a súa posición no marco da legalidade internacional. O Tribunal Internacional de Xustiza desestimou as demandas marroquís sobre o Sáhara mentres a ONU ofrece un tratamento deste problema como un “asunto de descolonización”. A Unión Africana defende tamén o dereito saharauí a celebrar o referendo autonomista. Paralelamente, diversas ONGs e organismos internacionais denuncian as violacións de dereitos humanos cometidas por Rabat contra a poboación saharauí.

Así, o plan de rexionalización do Sáhara Occidental decretado polo monarca Mohammed VI anuncia unha “volta de torca” marroquí sobre o asunto saharauí, concibido para impedir o referendo de autodeterminación. Coa UE plegada aos intereses marroquís e á espera da posición de EEUU e a ONU, será sumamente complicado volver a negociar en condicións de igualdade.

Todo isto constitúe un duro golpe para as demandas saharauís que, eventualmente, podería dar paso ao retorno da loita armada por parte do Polisario, tal e como chegou a advertir nos derradeiros meses o presidente da RASD, Mohammed Abdelaziz.

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/África



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 19/11/2008
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta