| Presenza-Opinión |
||||||||
| Paraguai: outro socio para o ALBA? Por Roberto Mansilla (A Nosa Terra, 24/04/2008) |
||||||||
|
Condenado dende o Vaticano por intervir en política, Lugo acabou así cunha era política neste país, condicionada por seis decenios de hexemonía do conservador Partido Colorado. Se ben Paraguai iniciou unha transición democrática a partir de 1989, os seus problemas crónicos non melloraron: a elevada pobreza, rampante corrupción e a necesidade dun cambio mais popular, factores que permitiron a Lugo alcanzar un resoante triunfo que abre unha nova etapa. Coa súa plataforma electoral Concertación Nacional, que inclúe a diversos partidos e movementos de esquerda así como indixenistas, Lugo defende un discurso de xustiza e equidade social simpatizante co modelo político da “democracia participativa” e da integración social hemisférica contido na Alternativa Bolivariana para as Américas (ALBA), ambos difundidos por Chávez, e que ten eco actualmente nas veciñas Bolivia e Ecuador. Polo tanto, non resultaría sorprendente que, unha vez consumada a súa vitoria, Lugo enviara unha inmediata mensaxe a Chávez a fin de potenciar a Unión de Nacións de América do Sur (UNASUR). Así, Paraguai, membro de pleno dereito do MERCOSUR desde a súa fundación en 1991, estaría experimentando unha inédita viraxe a favor do ALBA que, a grandes trazos, situaría a este país no centro da atención hemisférica, especialmente polos intereses de actores externos como Venezuela, Brasil e EEUU. Desde 2004, Washington negociou co goberno de Nicanor Duarte a instalación dunha base militar, en teoría destinada a combater o tráfico de drogas e de armas na cualificada Triple Fronteira entre Paraguai, Brasil e Arxentina. Para xustificar esta apertura militar, dende a Casa Branca consideran que neste espazo xeográfico aparentemente sen control estatal, reside unha importante comunidade árabe simpatizantes dos partidos islamitas libanés Hizbuláh e palestino Hamas, así como coa presunta presenza iraniana en América do Sur. As visitas do presidente iraniano Mahmud Ahmadíneyad a Venezuela e Bolivia no 2007 persuadiron a Washington da necesidade de extremar o seu apoio ao goberno paraguaio. Non obstante, os intereses xeopolíticos de Washington semellan estar centrados noutros aspectos mais específicos, tales como unha base de apoio para monitorear a situación política rexional e asegurar o control das reservas acuíferas e hidroeléctricas paraguaias e de gas natural na veciña Bolivia. Velaí a preocupación estadounidense polo triunfo de Lugo e o seu marcado énfase en incluír a Paraguai no eixe do ALBA dirixido por Chávez. Ademais dos presumibles intereses estadounidenses e venezolanos en Paraguai, Brasil xoga un papel fundamental na política paraguaia. En anos anteriores, este país ofreceu asilo ao ex ditador paraguaio Alfredo Ströessner e ao ex presidente Raúl Cubas, así como ao ex xeneral golpista Lino Ovideo, que refuxiouse en Brasil ata o 2004, cando decidiu regresar a Paraguai para afrontar os seus cargos xudiciais. Amnistiado pola xustiza militar a finais de 2007, Oviedo presentouse como candidato nestas eleccións presidenciais, configurándose como unha estratéxica carta de poder tanto para Lugo como para a súa principal rival electoral e candidata oficialista “colorada”, Blanca Ovelar, a primeira muller en competir para a presidencia na historia paraguaia. A orientación de Lugo condicionará o escenario político paraguaio dos próximos meses. O novo presidente paraguaio deberá afrontar unha dura oposición liderada por Ovelar e o Partido Colorado, con Oviedo como presumible árbitro político, decidido a inclinar a balanza. Pero a política paraguaia tamén se nivelará dende outros ámbitos, en Caracas, Brasilia e Washington. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 26/04/2008 |
||||||||
|
||||||||