| Presenza-Opinión |
||||||||
| Os retos de UNASUR Roberto Mansilla (A Nosa Terra, 29/05/2008) |
||||||||
|
Como modelo de referencia, o UNASUR manifesta a vontade política dos gobernos sudamericanos de afincar un homoxéneo proceso de integración que permita a esta rexión posuír un peso considerable no escenario internacional. Un elemento primordial que probablemente definirá o perfil de UNASUR estará concentrado no papel que xogará Brasil, cun impacto como potencia emerxente global que deberá medir diversos procesos alternativos de integración dentro da rexión sudamericana. Así, o UNASUR espera concretar diversos aspectos de integración política, económica e de defensa que, necesariamente, deberán coordinar os seus esforzos cos dous principais organismos de integración sudamericano: o MERCOSUR e a Comunidade Andina de Nacións (CAN), a fin de constituír un perfil elaborado e único. Paralelamente, dentro do UNASUR existen países con diversos mecanismos e referencias de integración continental, principalmente divididos entre os que negocian directamente con Washington os seus respectivos tratados bilaterais de libre comercio (contidos nun ALCA remodelado) e os que simpatizan coa Alternativa Bolivariana para as Américas (ALBA), impulsada polo presidente venezolano Hugo Chávez. Todos estes elementos evidencian as múltiples facetas dos modelos de integración sudamericanos e hemisféricos contidos no recen creado UNASUR. Países como Brasil, Chile, Colombia, Perú ou Uruguai poderían conformar un bloque interno, con políticas en diversos aspectos diametralmente opostas ao eixe do ALBA, principalmente conformado por Venezuela, Bolivia e Ecuador, e que podería incluír a Paraguai como socio, tralo triunfo de Fernando Lugo. Estes factores poderían anunciar potenciais conflitos a mediano prazo. A renuncia do ex presidente ecuatoriano Rodrigo Borja como novo secretario de UNASUR, un día antes da súa creación, revela diversas discrepancias sobre o alcance e a operatividade deste organismo. Borja criticaba a veleidade brasileira e doutros países en fortalecer un UNASUR independente doutros organismos, como MERCOSUR e a CAN. Ademais da renuncia de Rodrigo Borja, outro factor relacionado coa necesidade de amortecer conflitos foi a negativa do presidente colombiano Álvaro Uribe Vélez de aceptar a presidencia rotativa do UNASUR, a fin de non irritar aos seus veciños Venezuela e Ecuador. A presidencia rotativa pasou así a mans de Chile, o cal podería igualmente revelar sincronías e un hipotético eixe xeopolítico entre Brasilia e Santiago de Chile. Igualmente, a proposta de Lula de concretar un organismo de defensa sudamericano afinca os seus cálculos en revitalizar o peso xeopolítico brasileiro, destinado a concentrar unha evidente potencialidade militar. Nunha rexión que nos derradeiros catro anos experimentou un elevado gasto militar, precisamente en Brasil, Perú, Arxentina, Chile, Venezuela e Colombia, está por verse a viabilidade deste organismo de defensa sudamericano, anteriormente concibido por Chávez no marco da Organización do Tratado do Atlántico Sur (OTAS), e as súas repercusións en temas específicos: conflitos fronteirizos, Plan Colombia, narcotráfico e seguridade amazónica. Do mesmo xeito, deberá observarse ata qué punto avanzará a integración enerxética sudamericana dentro do UNASUR, especialmente ante os proxectos rexionais impulsados por Chávez, tales como o Gasoduto do Sur, e a recente certificación de Brasil como potencia enerxética. Finalmente, o UNASUR nace dentro dun contexto xeopolítico complexo e polarizado, con crises específicas entre Venezuela, Colombia e Ecuador; diferendos diplomáticos entre Arxentina e Uruguai; dificultades operativas no MERCOSUR; e posible expansión rexional da inestabilidade boliviana. Neste mar de ilusións e incertezas, o UNASUR anunciase como unha nova referencia de integración sudamericana, cuns retos consistentes en vertebrar un corpo homoxéneo que respecte a súas diversas multiplicidades e obxectivos. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 28/05/2008 |
||||||||
|
||||||||