Presenza-Opinión / Oriente Medio Volver a TitularesVolver a Presenza/Oriente Medio
Os relevos en Israel
Roberto Mansilla Blanco (A Nosa Terra, 25/09/2008)
 
 

  Tzipi Livni; clic para aumentar
Con Tzipi Livni xorden diversas incógnitas que, en plano xeral, determinan tamén o incerto futuro da política israelí. Considerada unha protexida do dereitista ex primeiro ministro Ariel Sharon e fiel representante da dereita sionista e nacionalista enrolada no partido Likud, actualmente Livni esfórzase en presentarse como unha figura moderada, abandeirada do recen constituído partido Kadima e proclive a negociar a conformación dun Estado palestino pero baixo a autoridade de Al Fatah.
 
De espía do Mossad a primeira ministra. O nomeamento de Tzipi Livni como nova xefe de goberno israelí, trala renuncia do seu antecesor Ehud Olmert, confirma un cambio de ciclo político que, paralelamente, achega un síntoma de transitoriedade no escenario político israelí.

Aos seus 50 anos, Livni entra tamén no carro da historia. Tras Golda Meir en 1969, Livni será a segunda muller en ocupar o cargo de primeira ministra en Israel. O seu background confirma tamén a tendencia israelí en outorgar altos cargos políticos a personaxes que forman parte da súa elite de seguridade nacional.

Provista dun baixo perfil, probablemente influído polos seus anos de servizo no Mossad, Livni emprendeu unha vertixinosa carreira política nos derradeiros dez anos, un tránsito que levouna de ser deputada do dereitista partido Likud a ministra de Relacións Exteriores do inestable goberno de Olmert, cun final que viña anunciándose dende hai, aproximadamente, dous anos.

Precisamente, Livni nunca esqueceu a súa ambición de achegarse ao cargo de primeira ministra, incluso instando publicamente ao propio Olmert para que renunciara. O seu momento político confírmase agora, tras gañar, por escasa marxe, as eleccións internas do partido gobernamental Kadima realizadas a semana pasada, enmarcadas nunha apática participación do seu electorado.

Con Livni xorden diversas incógnitas que, en plano xeral, determinan tamén o incerto futuro da política israelí. Considerada unha protexida do dereitista ex primeiro ministro Ariel Sharon e fiel representante da dereita sionista e nacionalista enrolada no partido Likud, actualmente Livni esfórzase en presentarse como unha figura moderada, abandeirada do recen constituído partido Kadima e proclive a negociar a conformación dun Estado palestino pero baixo a autoridade de Al Fatah. Un inquietante escenario que incrementa o seu caudal de inestabilidade ante a posibilidade dun espallamento da violencia palestina entre as faccións de Hamas e Al Fatah.

Livni terá agora un período de seis semanas para formar un novo goberno, tomando en conta que o Kadima, un partido aparentemente de corte centrista escindido do Likud antes das eleccións de 2006, non posúe maioría parlamentaria e amosase golpeado na súa credibilidade tralos constantes escándalos de corrupción do goberno de Olmert. Así, a fraxilidade da coalición gobernamental suxire a dependencia do Kadima doutras formacións políticas, incluíndo os partidos ultradereitistas e relixiosos, que non amosan exactamente unha posición favorable a apoiar un futuro goberno de Livni.

Con todas estas variables, o único que semella seguro a curto prazo é un adianto electoral que confrontaría a Livni co ex primeiro ministro Benjamín Netanyahu, candidato do dereitista Likud. Por confirmarse a candidatura do Partido Laborista, o escenario político israelí afonda na atomización e polarización, coa aparición dunha sucesión de diversos partidos minoritarios divididos doutras formacións políticas tradicionais.

Non obstante, as sondaxes pre-electorais apuntan a un retorno de Netanyahu e o Likud ao poder, probablemente co apoio dos cada vez mais influentes partidos ultrarelixiosos e os “falcóns” dereitistas, contrarios á paz e a negociación cos palestinos e países árabes. Pero poucos factores garanten a estabilidade do próximo goberno israelí, tomando en conta que, desde 1996, sucederonse cinco gobernos distintos tras catro adiantos electorais.

Como de costume, as próximas eleccións israelís afondarán na prioridade da seguridade nacional, a pesar da notoria aparición dun cadro de desigualdade socioeconómica e da inesperada aparición da pobreza, herdanza da excesiva liberalización económica e da preponderancia dos gasto militar. Queda por saber se o actual relevo na política israelí permitirá ampliar as prioridades cara outras perspectivas, menos influídas polo peso político da seguridade nacional.

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Oriente Medio



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 23/09/2008
Fernando Pol Trigo


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta