| Presenza-Opinión |
||||||||
| O caudillismo de Uribe Por Roberto Mansilla (Xornal, 26/03/2008) |
||||||||
|
O actual presidente colombiano foi electo en xullo de 2002, dentro dunha conxuntura enmarcada polo fracaso das negociacións políticas entre o goberno do entón presidente Andrés Pastrana coa guerrilla das FARC e salpicado por acusacións de vínculos con grupos paramilitares nos seus tempos de gobernador do estado de Antioquia. Amparado na cooperación estadounidense estipulada no Plan Colombia iniciado no 2000, a política de “seguridade democrática” de Uribe permitiulle presentar determinados logros na loita contra as FARC, con especial énfase na derrota da guerrilla, que dera paso a unha posterior desmilitarización e negociacións de paz. Paralelamente, Uribe iniciaba un proceso de desmobilización dos paramilitares a partir de 2005, avaliado pola polémica Lei de Xustiza e Paz, que permitiu a deposición de armas de cerca de 15.000 paramilitares, sen poder evitar os efectos causados polo escándalo da “parapolítica”, que vinculaba ao seu goberno e o estamento militar na cooperación con altos xefes paramilitares. Non obstante, a solidez do crecemento económico e unha alta popularidade do seu goberno persuadiron a Uribe da necesidade de afrontar unha reforma constitucional, finalmente aprobada polo Congreso e o Tribunal Supremo, permitindo a súa contundente reelección no 2006. En Colombia xa se falaba sen ambigüidades da “era do uribismo” como modelo político. A recente crise diplomática con Venezuela e Ecuador tralo asasinato do segundo ao mando das FARC, Raúl Reyes, permitiu descifrar a razón principal do plan de Uribe: afondar na súa unilateral pero firme convicción de continuar a fondo co seu proxecto de derrota militar da guerrilla, a fin de presentar un proceso político de pacificación baixo parámetros favorables. Actualmente, o presidente colombiano concreta outro proxecto a mediano prazo. Cunha maioría contundente do seu partido no Congreso, é notoria a presenza de xuíces “uribistas” no Tribunal Supremo que permitan adiantar nos próximos meses a aplicación doutra reforma constitucional, habilitando o camiño para unha segunda reelección no 2010. Poderosos sectores políticos, institucionais e da opinión pública semellan apoiar esta idea. Así, o “uribismo” tería a posibilidade de gobernar Colombia ata o 2014, unha tentativa tan similar co fracasado proxecto de reforma constitucional impulsado no 2007 polo seu veciño presidente venezolano Hugo Chávez, que estipulaba a polémica “reelección indefinida”. A diferenza de Uribe, moito mais silencioso nas súas tentativas, Chávez formulara publicamente a súa intención de proxectar o seu mandato e modelo socialista alén do 2021. Dende a perspectiva netamente militar, Uribe ven alcanzando notorias vitorias fronte as FARC, especialmente no apartado do “descabezamento” da cúpula dirixente da guerrilla. O fortalecemento do poder estatal e das súas forzas armadas no territorio nacional permitiu a Uribe desprazar o radio de operacións da guerrilla, moi probablemente cara as fronteiras con Ecuador e Venezuela. Non obstante, son notorias as acusacións de violacións de dereitos humanos e da polémica aplicación da Lei de Xustiza e Paz por parte de diversas organizacións civís colombianas. O drama dos desprazados segue a ser unha triste realidade en Colombia mentres diversos sectores políticos acusan o “caudillismo” con pinceladas de lexitimación democrática que Uribe está asentando na política colombiana. Como no caso de Chávez, o proxecto de Uribe semella prolongarse por varios anos, acusando o risco de fondas deficiencias na calidade democrática do seu país e a rexión. A diferenza estriba en que Uribe conta co total respaldo estadounidense. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 28/03/2008 |
||||||||
|
||||||||