| Presenza-Opinión / Oriente Medio |
||||||||
| Morrer en Gaza Por Roberto Mansilla Blanco (Xornal, 22/01/2008) |
||||||||
|
Gaza estase a converter na actualidade nun territorio empobrecido, cunha incontrolable presión demográfica, illado do exterior, mentres o asfixiante labor do Estado e o exército israelís acurralan a unha poboación indefensa, sen medicamentos, comida nin electricidade. Tivo que ser a presión de diversos medios e gobernos internacionais a que obrigara a Israel a aceptar abrir moderadamente unha xanela de asistencia. Non deixa de ser significativo o drama de Gaza, como vergonzoso o comportamento non só de Israel senón de EEUU e a Unión Europea. Durante e despois da visita do presidente estadounidense George W. Bush a Israel e Cisxordania, o Tsahal ou exército israelí lanzaba a peor ofensiva militar en meses contra Gaza, con 50 civís mortos, e destruía o ministerio do Interior de Hamas. Con esta brutal demostración, Israel daba a entender a Bush a súa negativa a atender a nada crible demanda do presidente estadounidense de que Israel se retirase dos territorios palestinos ocupados desde 1967 e de compensar economicamente aos palestinos. Con Bush máis ocupado en crear unha plataforma rexional de países aliados para conter o inevitable ascenso de Irán que en afondar nun proceso de paz no que ninguén cre, Israel deu a entender que non está disposto a variar a súa política cara Palestina, e adiantaba exercicios militares dirixidos a disuadir a Irán. A partición política palestina deixa en evidencia ao presidente da Autoridade Nacional Palestina (ANP), Mahmud Abbas, demasiado dependente da axuda estadounidense, europea e israelí, cunha lexitimidade popular e social que cae en picado. En canto a Hamas, gañador das eleccións lexislativas de xaneiro de 2006, a súa situación convertese nunha especie de loita de resistencia que pode aumentar simpatías en Cisxordania, o territorio controlado por Al Fatah e onde Israel e EEUU esperan crear un Estado palestino títere e tutelado. Pero Israel tamén está ás portas dunha posible crise gobernamental, trala dimisión do líder ultradereitista e nacionalista Avigdor Lieberman, do partido Israel Beiteinu, debido ás súas discrepancias co plan de paz negociado polo primeiro ministro Ehud Olmert con Abbas e Bush. Eventualmente, esta dimisión pode dar paso á saída doutros partidos da ultradereita como o Shas e a Unión Nacional/Partido Nacional Relixioso, debilitando ao goberno de Olmert e colocando a Israel nunha delicada crise política. Con todo este grave escenario, os palestinos de Gaza agonizan ante a indiferente mirada occidental, a piques de dar paso a unha incontrolable crise humanitaria mentres Washington se ocupa de rearmar a rexión ata o 2018, con 3.000 millóns de dólares en asistencia militar aos seus aliados. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 23/01/2008 |
||||||||
|
||||||||