Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
Chávez ante a crise global
Roberto Mansilla (A Nosa Terra, 30/10/2008)
 
 

  Sede da OPEP en Viena; clic para aumentar
O mercado actual cotiza o barril en $60, un escenario sumamente complicado para países dependentes do petróleo como Venezuela (95% das súas exportacións e 50% dos seus ingresos) e gobernos como o de Chávez, do cal o petróleo constitúe unha activa e importante baza política e diplomática na construción do seu modelo do “Socialismo do século XXI”. A isto debe engadirse a recente aprobación dun amplo recorte de produción por parte da OPEP, efectivo a partir do próximo 1 de novembro, en aras de evitar unha maior caída do prezo. Foto: Sede da OPEP en Viena.
 
En 1999, cando Hugo Chávez ascendeu á presidencia, o barril de petróleo cotizábase a menos de $10, o cal daba cabida a duras perspectivas para a economía venezolana. A recuperación dos prezos petroleiros definiuse entón como unha prioridade para o goberno de Chávez, estratexia especialmente deseñada no reforzamento do papel da OPEP, coa celebración dun importante cumio deste organismo en Caracas de outubro de 2000.

A recuperación da OPEP, as tensións provocadas pola agresiva política da administración estadounidense en Oriente Próximo, especialmente cara Iraq e Irán, e o aumento do consumo enerxético por parte de potencias emerxentes como China e India, permitiron que, a partir de 2002, se quintuplicaran os prezos petroleiros a nivel global. Este boom dos prezos semellaba unha tendencia imparable, chegando a cotizarse a mediados de 2008 en $140 o barril.

Tomando en conta a elevada dependencia enerxética global, a imprevisible volatilidade do mercado petroleiro sufriu unha dura caída ante a aparición da crise financeira en Wall Street en setembro pasado, co seu inmediato espallamento nos mercados globais. Este escenario conforma actualmente unha dura conxuntura económica a nivel mundial caracterizada pola recesión, o desemprego e a urxente necesidade de intervención económica estatal.

O mercado actual cotiza o barril en $60, un escenario sumamente complicado para países dependentes do petróleo como Venezuela (95% das súas exportacións e 50% dos seus ingresos) e gobernos como o de Chávez, do cal o petróleo constitúe unha activa e importante baza política e diplomática na construción do seu modelo do “Socialismo do século XXI”. A isto debe engadirse a recente aprobación dun amplo recorte de produción por parte da OPEP, efectivo a partir do próximo 1 de novembro, en aras de evitar unha maior caída do prezo.

O orzamento do goberno de Chávez para o 2009 estipula un aumento do 23% do gasto público, calculado en $78.900 millóns, cun prezo do barril estimado en $60. Chávez asegurou que, con $40.000 millóns de reservas internacionais, o Estado venezolano posúe importantes activos financeiros para amortecer os efectos da crise económica global e, paralelamente, cumprir os compromisos enerxéticos e financeiros de Chávez con países latinoamericanos. Paralelamente, anunciou a conformación dun sistema financeiro alternativo con países como Rusia, Irán e China.

Con todo, a conxuntura resulta igualmente complicada para o goberno de Chávez, que se prepara para unhas decisivas eleccións de alcaldes e gobernadores previstas para o próximo 23 de novembro. Venezuela posúe a inflación hemisférica mais elevada, calculada en 39%, apreciándose igualmente síntomas de recesión económica (crecemento do 5% para 2008 e 2,5% para 2009) e un desemprego estimado nun 10% Do mesmo xeito, a incontrolable inseguridade cidadán constitúe un ineludible problema, con non menos custes políticos e electorais.

O barril de cru venezolano cotiza actualmente a $50 no mercado, un escenario que complica os compromisos de gasto público do goberno de Chávez. Diversos análises económicos consideran que o goberno venezolano necesita un prezo por barril estimado en $80 para poder manter o seu elevado gasto público.

Esta evolución dos prezos petroleiros e o impacto que aínda está por experimentar a economía venezolana ante o afondamento da crise financeira global non deixa de ter determinado impacto político no proxecto “socialista bolivariano”. Tanto como cumprir os compromisos económicos e financeiros externos, Chávez afronta un duro test electoral ao mando do seu recen constituído Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV), incluso anunciando a ruptura con partidos de esquerda anteriormente afíns como o Patria Para Todos (PPT) e o Partido Comunista de Venezuela (PCV).

Resta así por observar ata qué punto Chávez será capaz de manter esta preponderancia política e económica nunha América Latina que, a grandes resgos, aínda non recibiu o impacto da crise financeira e económica global.

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 29/10/2008
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta