| Igadi na Rede / Presenza-Opinión - O reto cubano |
| O reto cubano Xulio Ríos (ECO, xaneiro/2009) |
||||
|
Obama falou de abrir unha nova etapa no dossier cubano. Hai cautela á vista da evolución experimentada polo seu discurso, dende a celebrada ruptura primeira a unha calculada moderación posterior, a medida que medraban as posibilidades de triunfo. Hillary Clinton na Secretaría de Estado non é un valor seguro para alentar este xiro, como si o podería ser Bill Richardson, por quen apostaban as primeiras quinielas. Dado o seu simbolismo, unha mudanza na política cubana de Washington serviría de expresión do cambio como poucas outras decisións. EEUU ten pouco que perder con iso e a xulgar pola opinión de moitos opositores ao actual liderado cubano, tería moito que gañar. Finiquitar o embargo e normalizar as relacións coa illa caribeña pode acabar co réxime cubano, dise, pero non ten porque ser así, pois ten raíces máis sólidas, mesmo entre o plural abano de voces críticas, do que puidera parecer. O que si parece claro é que de non evolucionar ten os seus días contados. Esa convicción é a que xustifica aínda na mente de algúns a pervivencia do embargo, premisa a reconsiderar en función das transformacións rexionais e globais que está a experimentar o sistema internacional. Pero é tempo de arriscar, de mover peza, de atreverse a explorar novos camiños. O estancamento, a un e outro lado, é o maior inimigo. As reformas anunciadas por Raúl camiñan moi lentamente, como se estiveran á espera da confirmación ou non dunha reorientación que afectaría de modo transcendental ao seu proxecto. As mensaxes a prol do diálogo directo enviadas desde La Habana son claras. No exilio de Miami tamén mudan as percepcións e cada vez son máis os que apostan por outra política, conscientes da canella sen saída da situación actual. Cómpre unha “diplomacia do béisbol” que emulando o exemplo chinés do ping-pong, sitúe o tren da historia noutro carril, cedendo o protagonismo ás respectivas sociedades para que sexan elas mesmas, a fin de contas, as que decidan a dirección a tomar. |
||||
|
Xulio Ríos, director do Igadi. |
||||
| 07/12/2008 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org | ||||
| http://www.igadi.org/artigos/2008/xr_o_reto_cubano.htm |