| Igadi na Rede / Presenza-Opinión - A dobre crise xaponesa |
| A dobre crise xaponesa Xulio Ríos (AGN, 28/12/2008) |
||||
|
Despois da dimisión de Yasuo Fukuda, Aso semellaba a derradeira oportunidade de levantar cabeza para o seu partido, o Liberal Democrático, no poder dende 1955. Con anterioridade, Shinzo Abe, sucesor de Koizumi en outubro de 2006, non pasou dos once meses á fronte do goberno, vítima de diferentes escándalos de corrupción. A súa anunciada refundación de Xapón para convertelo nun país “normal”, acabou facendo augas por todas partes. O problema de fondo radica na pouca confianza social que inspira a actual xeración de líderes políticos, reiteradamente criticados pola súa incompetencia e incapacidade para definir unha reorientación do país nun contexto internacional en permanente cambio (coa emerxencia de China como principal desafío rexional e global), unha grave crise demográfica ás portas (Xapón podería perder 30 millóns de habitantes nos próximos quince anos) e unha insán endogamia política, condicionada polo carácter hereditario da súa clase dirixente (un terzo dos actuais parlamentarios veñen sendo fillos de notables), o que dificulta a renovación de formas, contidos e propostas políticas. O propio Aso, casado coa filla de Zenko Suzuki, xefe do goberno entre 1980 e 1982, e neta de Shigeru Yoshida, cinco veces primeiro ministro entre 1946 e 1954, é un exemplo ben claro. Outro tanto do mesmo podería dicirse de Fukuda ou de Abe e de boa parte da clase política nipona. Sen renovación efectiva do liderado e unha maior permeabilidade social será complicado para Xapón desprenderse das tutelas que condicionaron toda a súa evolución dende a posguerra. Para ben e para mal. É hora de emanciparse. |
||||
|
Xulio Ríos, director do Igadi. |
||||
| 29/12/2008 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org | ||||
| http://www.igadi.org/artigos/2008/xr_a_dobre_crise_xaponesa.htm |