Igadi na Rede / Presenza-Opinión - O mellor de Bush
 
 
O mellor de Bush
Jared D. Larson (Xornal, 06/11/2008)
 
 

  Barack Obama e a súa familia
A elección da primeira persoa de raíces africanas é un logro social e nacional que non podemos negar. Estou moi orgulloso do meu país hoxe. Á vez, gostaríame pensar que iso fose inevitable. Aínda así, Barack Obama é, sen dúbida, o primeiro presidente estadounidense do século XXI e non é por casualidade que sexa negro. [Foto: Barack Obama, presidente electo dos Estados Unidos, e a súa familia celebran a vitoria nun mitin en Chicago, na noite do 4 de novembro de 2008].
 
É o día despois dunha das noites máis importantes da historia estadounidense. Non quero nin intentar describir o ambiente con clichés ou palabras sabias. O obvio é que aquí, no meu país natal, país co que e onde non estiven contento desde hai moitos anos, as cousas cambiaron. Non é que se poda afirmar que o racismo xa non existe. É absurdo proclamar que a igualdade é tanxible para todos. Pero demos un gran paso adiante. E, ironicamente, a persoa que merece os nosos máis sinxelos agradecementos é o aínda actual presidente, George W. Bush.

Hai mil maneiras de analizar os resultados do 4 de novembro. Os máis de 7 millóns de votos que separan aos candidatos no voto popular din moito. En termos absolutos, ninguén gañou máis votos na historia electoral do país que Obama. Ao final, Obama gañou en case cada categoría demográfica posible, salvo ante o sector do electorado de máis de 65 anos. Pero á vez, resulta moi útil reflexionar sobre os cambios políticos e sociais evidentes no novo mapa electoral para chegar a unhas conclusións moi refrescantes. Non debe sorprendernos que Obama gañou varios estados que votaran a Bush hai catro anos, como Colorado, Novo México ou a Florida. Colorado, a pesar de ser a sede dunhas das igrexas fundamentalistas máis conservadoras da Unión, ten diversos focos moi ligados aos Demócratas, como as cidades de Boulder ou Fort Collins.

En Novo México, o voto latino creceu en número e importancia en cada ciclo electoral e logo de tender a apoiar a Hillary Clinton nas primarias, a fin de contas, os latinos en xeral non rexeitaron a Obama. En Florida, como vimos en 2000, sempre se observa un panorama moi dividido, política e ideoloxicamente. Moitos dirán que o voto cubano fracturouse por unha fisura xeracional. Os cubanos novos xa non forman parte do firme bloque Republicano e, se este cambio continúa, pode significar que a Florida xa se pode considerar como “estado azul” ou Demócrata.

No sur, aparte da Florida, que moitos non consideran como verdadeiro “estado sureño”, Obama gañou en Virxinia e Carolina do Norte. Ambos teñen unha poboación negra moi elevada, que ao nivel nacional votou a Obama por máis do 95%. Pero hai que recoñecer que, a pesar de que tamén a pantasma da escravitude está presente en ambos estados, hai 20 anos foi elixido en Virxinia o primeiro gobernador afro-americano en todo o país, cuxa capital actual era a antiga capital dos Estados Confederados e que é imposible gañar unha elección alí sen o apoio dunha parte substancial dos brancos. O feito de que eses dous estados sureños tradicionais votaran ao candidato Demócrata implica moito, sobre todo porque non ocorreu desde os anos 1960.

Quizais o resultado máis sorprendente é o de Indiana. Dentro do “Mid West” (Medio Oeste), Indiana é o estado “máis vermello” (que, curiosamente, quere dicir Republicano) da rexión. Obama gañouno por menos do un por cento, ou menos de 6.000 votos.

Pero como Indiana non era “azul” desde hai moitas décadas, podemos sacar unhas posibles conclusións dos eventos do pasado martes 4 de novembro. O norte dese estado forma parte da famosa “cintura de óxido”, que se estende desde Nova Jersey, na costa este, ata Chicago no estado de Illinois. É unha rexión socioeconómica que desde o século XIX foi o corazón industrial do país. Pero desde os anos 70, esta rexión sufriu perdas económicas a causa do peche de moitas fábricas, aumentando o desemprego e a emigración.

Desde 1980, tanto Indiana como Michigan, por exemplo, foron terra dos denominados “Demócratas de Reagan”, quen atraeunos ao partido Republicano nas eleccións contra Jimmy Carter. Así que agora podemos sopesar como hipótese unha de tres consideracións: o electorado obreiro e tipicamente conservador da zona decidiu votar segundo os seus verdadeiros intereses económicos e non por motivos sociais ou relixiosos (o aborto, a homosexualidade, etc.); o mesmo electorado está farto das políticas da actual administración Bush; ou unha combinación das dúas. Eu creo que a terceira hipótese é a máis factible. E como a primeira tivo a súa xénese durante a presidencia de Carter, é dicir, a anterior a Reagan, e, ideoloxicamente as políticas económicas e sociais dos dous presidentes Bush non foron máis nada que unha continuación da “revolución Reaganiana”, tal vez estamos experimentando un cambio político radical en Estados Unidos. Ogallá.

A elección da primeira persoa de raíces africanas é un logro social e nacional que non podemos negar. Estou moi orgulloso do meu país hoxe. Á vez, gostaríame pensar que iso fose inevitable. Aínda así, Barack Obama é, sen dúbida, o primeiro presidente estadounidense do século XXI e non é por casualidade que sexa negro. Mais a sociedade estadounidense non debe a súa elección como o noso 44º presidente só aos tempos que corren, á época presente, cronoloxicamente.

Desde as eleccións de 1980, o movemento conservador foi crecendo. Carter, Demócrata e o primeiro presidente protestante evanxélico desde 1977 ao 1981, non cumpriu coas expectativas dos seus correlixionarios, o cal empuxounos ao partido opositor. Dende entón, os conservadores sociais uníronse cos seus homólogos económicos. Tomaron control do Congreso en 1994, durante a presidencia de Bill Clinton, baixo o liderado do seu representante Newt Gringicht e o seu “Contrato con América”.

En 2000, Karl Rove, o conselleiro de triste fama de Bush fillo, e Tom Delay, texano e corrupto ex líder da Cámara de Representantes, prognosticaban unha maioría republicana permanente no Congreso e a Casa Branca. Poida que a presidencia “Obamiana” poña fin a esta onda conservadora, que ían continuar John McCain (conservador económico) e Sarah Palin (conservadora social). Esperemos que o voto en Indiana sexa un bo sinal para a futura dirección do país. Pero non esquezamos de darlle as grazas a Bush e os seus predecesores, cuxas guerras e políticas sociais e de desregulación económica fixérono posible.

 

Jared D. Larson (University of Delaware), investigador asociado do Igadi.

 
 
 
07/11/2008 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org
http://www.igadi.org/artigos/2008/jdl_o_mellor_de_bush.htm