| Presencia-Opinión |
||||
| Unha alternativa á globalización Por Manoel Santos (Galicia Hoxe, 28/01/2008) |
||||
|
A FMI e BM chámalles Susan George os terríbeis xemelgos. O FMI creouse para facer préstamos a países que non controlaban as súas balanzas de pagamentos e o BM para axudar a Europa logo da II Guerra Mundial mediante créditos, malia que despois seguíu a emprestar cartos aos países en desenvolvemento (PED). Non son institucións democráticas. Quen máis cartos achega ten máis poder –“un dólar, un voto”, con variantes no FMI–, de xeito que os PED pouco poden facer. Estas dúas xoias son, por exemplo, as responsábeis da débeda externa deses PED. Os cartos emprestados devólvense inmediatamente vía explotación de recursos, dereitos de importación, privatización de servizos, merca de armas, etc. Pura usura. Na rebelde Sudamérica hai anos que están fartos. Moitos países están a rachar cos terríbeis xemelgos cancelando as débedas e a integración rexional impulsada por Chávez materialízase con proxectos como Petrosur, Gasoducto do Sur, ALBA, Telesur e o Banco do Sur, que estes días comezou a súa andaina. Arxentina, Bolivia, Brasil, Ecuador, Paraguai, Uruguai e Venezuela participan de entrada. Colombia xoga a pedir a entrada e rexeitala despois. Chile observa. A acta fundacional do banco di que, independentemente das achegas de cadaquén, cada país terá un voto. A solidariedade, a protección ambiental e os dereitos dos pobos primarán sobre o financeiro. Uns 250 mil millóns de dólares dos bancos centrais latinoamericanos están depositados, co pretexto da seguridade, fóra da rexión. Agora poderán volver. É unha alternativa modesta –7.000 millóns de dólares de capital inicial–, pero ben real. Un berro de independencia que, se cadra, anuncia tamén o fin da globalización. |
||||
|
Manoel Santos é director de altermundo.org e colaborador do Igadi. |
||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 26/01/2008 |
||||
|