| Presencia-Opinión |
||||
| Alto nivel, baixa moral Manoel Santos (Galicia Hoxe, 06/06/2008) |
||||
|
Foi, coma tantos, un cumio de erros. Erro foi excluír do debate e da toma de decisións a quen máis saben da cuestión, as labregas e os labregos do mundo, que ven como uns engravatados incompetentes e ben falangueiros xogan coas súas vidas. Erro foi, e é, deixar a busca de solucións nas mans de quen crearon o problema, o Banco Mundial e o FMI, que coas súas políticas dos últimos 30 anos esnaquizaron as producións agrarias locais e con elas as comunidades labregas do planeta, hogano concentradas en aglomeracións urbanas improdutivas para maior gloria da sociedade de consumo. O resultado da xuntanza era obvio: máis liberalización. Erro foi o debate en si. Trabucouse de primeiras Ban Ki-moon, o secretario xeral da ONU, ao centrar o discurso en que a produción de alimentos debe medrar un 50%. Se cadra serviría para prever crises futuras, mais a creba actual pouco ten que ver coa falta de alimentos e moito coa posesión destes polas corporacións que os almacenan até que alcanzan o prezo desexado na bolsa de Chicago. Falouse moito de conter os prezos, pero nada da especulación que domina o mercado dos alimentos, nin dos monopolios da distribución, nin do cambio climático, nin das políticas de axustamento estrutural e da débeda que esgana ao sur e pouco, moi pouco, dos misteriosos efectos da produción en masa de biocombustíbeis. Até o lema da conferencia, seguridade alimentaria mundial, foi un erro. Non é un simple problema de seguridade. É un problema de soberanía alimentaria mundial, desa que recae nos pobos e non nos mercados e gobernantes de baixa moral. Velaí a solución. |
||||
|
Manoel Santos é director de altermundo.org e colaborador do Igadi. |
||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 19/06/2008 |
||||
|