| Presenza-Opinión |
||||||||
| Taro Aso e o novo goberno en Xapón Masashi Oki (Xornal, 25/09/2008) |
||||||||
|
A partir da segunda semana de outubro discutirase na Dieta unha modificación orzamentaria que Aso confía en ver aprobada. Se os dous partidos non chegan a un acordo, pode disolverse o Parlamento, convocando eleccións para o próximo 26 de outubro, o 2 de novembro ou o 9 de novembro. É por iso que o primeiro ministro Aso está persuadido a formar un gabinete con parlamentarios famosos, que serán unha especie de “caras populares” para abrir camiño a unha vitoria nas próximas eleccións xerais. Con todo, non había tanta sorpresa para a formación dun gabinete de Aso. Logo de presentar a súa política durante unha rolda de presa, Aso anunciou os membros do seu próximo gabinete, un xesto pouco frecuente en Xapón, debido a que, normalmente, o secretariado do gabinete en xefe publica os nomes dos próximos ministros. Non obstante, Aso quería mostrar este cambio de enfoque. Así, e repasando os membros deste gabinete, a única sorpresa é a inclusión de Yuko Obuchi, de só 34 anos e filla do ex primeiro ministro Keizo Obuchi, como ministra encargada da Baixa Natalidade, constituíndo a ministra máis moza en formar parte dun gabinete de goberno trala II Guerra Mundial. Pero a maioría dos ministros non son novos: hai 18 ministros, pero 5 ministros foron reelixidos. Moitos ministros son persoas de confianza que estaban arredor de Aso. Ademais, 11 ministros son fillos de parlamentarios, razón pola que existen críticas dentro e fóra do PLD. Os medios de comunicación o cualificaron como un “gabinete dos amigos”. O mesmo día de formación do goberno, dimitiu en pleno o presidido polo anterior primeiro ministro Yasuo Fukuda, dun ano de duración. Un gabinete efémero, constituíndo o sétimo gabinete máis curto na historia contemporánea xaponesa. O seu antecesor, Shinzo Abe, tamén estivo 366 días, o cal evidencia a escasa duración dos gobernos xaponeses e o clima de certa inestabilidade política. Canto durará o gabinete de Aso? O seu rival político máis importante é Ichiro Ozawa do PDX. Na Cámara Baixa, Aso gañou 337 votos, mentres Ozawa obtivo 117 votos. Con todo, no Senado, Aso alcanzou 108 votos e Ozawa uns 125 votos. Conforme ao artigo 67 da Constitución, valídase a votación maioritaria na Cámara Baixa, razón pola que Aso foi elixido como primeiro ministro. Non obstante, o panorama político segue a ser complexo para o novo goberno en Tokío. Aínda que o PLD non tivo éxito na última elección, Aso ten boa acollida pública, unha popularidade que o PLD espera sirva para obter sólidas ganancias electorais nos próximos comicios, amosando ao PDX a fortaleza electoral e popular do PLD. Sobre os asuntos exteriores, Aso segue mantendo como prioridade a alianza entre Xapón e EEUU. Paralelamente, no seu discurso fai fincapé na necesidade de resolver o problema con Corea do Norte e o terrorismo. Acerca da economía e o mundo financeiro, Aso dixo que Xapón centra a atención internacional despois da “caída de Lehman Brothers”, a cuarta sociedade de valores máis importante de EEUU, e da consecuente crise financeira e económica que actualmente está sacudindo os mercados globais. Neste sentido, Nomura Holdings, a sociedade de valores máis grande de Xapón, decidiu comprar as seccións europea e asiática de Lehman Brothers coa intención de ampliar os seus negocios empresariais. Paralelamente, o Grupo Financeiro de Mitsubishi UFJ chegou a un acordo con Morgan Stanley, a segunda sociedade de valores máis grande de EEUU, para comprar o 20% das súas accións e así situarse á cabeza dos accionistas. Dun xeito paradoxal, coa actual crise financeira, as empresas xaponesas empezaron a retornar á a escena internacional da economía. O pasado 25 de setembro, Aso viaxou a Nova York para asistir á Asemblea Xeral da ONU, onde ofrecerá a visión diplomática do seu goberno. Dous días despois regresará a Xapón, para implementar a súa política “nunha época de axitación e disturbios”, segundo as súas propias palabras. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 28/09/2008 |
||||||||
|
||||||||