| Presenza-Opinión / Oriente Medio |
||||||||
| Palestina e o cambio do poder israelí Moncho Iglesias Míguez (Xornal, 08/10/2008) |
||||||||
|
Livni, filla de combatentes do Irgún –brazo militar do sionismo, anterior á creación do estado de Israel–, comezou a súa carreira política no Likud –Consolidación– da man dos seus predecesores, Ariel Sharon e Ehud Olmert. Durante esa etapa foi unha das principais defensoras da retirada israelí da Franxa de Gaza, motivo que propiciou a escisión do grupo e a formación de Kadima, actualmente no poder. Livni, que algúns analistas definen como o relevo da primeira dama de ferro israelí, Golda Meir, comezou o seu camiño cara as eleccións sentenciando que o pobo palestino debía borrar a palabra Nakba –Catástrofe, en referencia á perda do seu territorio en 1948– do seu discurso. Así mesmo, a actual ministra de Asuntos Exteriores negouse a falar da capitalidade de Xerusalén, adiando o discurso, sen esquecer o apoio que recibe do partido conservador relixioso Xas –Seis Ordes– sempre presente nas coalicións. Do lado palestino, o seu presidente, Mahmud Abbas, declarouse entusiasmado coa postura de Livni, confiando na consecución do proceso de paz e a futura creación do estado palestino. No entanto, os líderes políticos opositores manteñen as súas reticencias, argumentando que a solución non é unha cuestión de sinaturas diante dos medios de comunicación, senón un compromiso real. Neste sentido, o voceiro de Hamas Muxir Al-Masri criticou a visita de Kouchner, tachándoa de incompleta, posto que só se reuniu con certos representantes palestinos e non con todas as forzas políticas implicadas no conflito. Ante o próximo cumio de novembro a celebrar en Exipto, no que estarán presentes as diferentes faccións palestinas, os distintos grupos parecen seguir en desacordo respecto á forma en que dar continuidade á folla de ruta. Emporiso, todos parecen dispostos a acudir á cita. Aí estriba a maior diferenza entre uns e outros, na implicación co goberno israelí e o seu achegamento. Por outra banda, Israel continúa ameazando a feble estabilidade que rodea as súas fronteiras, delimitando unhas liñas a seguir que ben conteñen silencios –Xerusalén, os Altos do Golán, os asentamentos- ou aclaracións en canto á súa postura: estender a man ao goberno de Fatah e privar da posibilidade de dialogar aos considerados extremos radicais: Hamas, Ihad ou mesmo os partidos de esquerda. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 10/10/2008 |
||||||||
|
||||||||