| Presenza-Opinión / Oriente Medio |
||||||||
| O esquecido aniversario da independencia palestina Moncho Iglesias Míguez (Vieiros, 14/11/2008) |
||||||||
|
Os kufieh, negros ou vermellos, dependendo da zona e, en ocasións, da facción política, forman parte da vestimenta tradicional palestina. Usados dende hai séculos, posto que no inverno protexen do frío, e no verán dos raios do sol; en calquera época do ano xustifican un sinal de identidade, contrario a calquera imposición colonialista. A fama do kufieh comezou co afán expansionista do imperio británico, que os levou ata Palestina, onde nunca foron quen de conquistar o territorio. As milicias de campesiños, armados e parapetados nos seus panos de cabeza, obrigaron aos británicos a abxurar e retirarse, non sen antes establecer unha serie de pactos que rematarían coa adxudicación do territorio ao pobo xudeu. A loita comezou como algo sinxelo para o exército ocupante, pero pronto se decataron que as frontes eran varias, malia que os atacantes eran só uns. Nun principio, recoñeceuse aos guerrilleiros como aqueles que levaban kufieh, e eses foron os perseguidos. Con todo, a inesperada unión do pobo palestino fixo que pronto se estendese o uso do pano, e incluso as clases máis elevadas o vestisen, como símbolo de identidade. Deste xeito, á resistencia armada uníuselle a daqueles que se negaban a entregar o seu territorio, e nacía unha arma subversiva: o kufieh. A invasión israelí do 67 volveu provocar o levantamento en armas do pobo palestino, e con el o seu orgullo, representado nese pano a cadros negro e branco. Máis tarde, Laila Khaled, cuberta cun pano negro e vermello, símbolo da Fronte Popular para a Liberación de Palestina, lembraba ao mundo que a resistencia continuaba, ao intentar secuestrar varios avións internacionais. Xa por último, o antes mencionado Arafat, e a Primeira e Segunda Intifadas, resucitaban o emblema palestino, facéndose eco da necesidade de non esquecer o que aínda sucede. Pero o esquecemento parece unha praga que se estende entre os flancos máis separados dos imperios acabados de nacer. Así, os cadros a dúas cores, que dende hai vinte anos representan unha independencia aínda por recoñecer, aparecen camuflados por entre os trapos multicolor dunha conquista comercial que serve para loitar contra a baixa venta de comestibles ou de calquera prenda de temporada. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 19/11/2008 |
||||||||
|
||||||||