| Presenza-Opinión |
||||||||
| Obama, soño e realidade Luís Álvarez Pousa (El Ideal Galego, 06/11/2008) |
||||||||
|
McCain non foi só a última vítima de Iraq, guerra que apoiou con entusiasmo. Foino de tódolos excesos de Bush, que acadou por iso o récord de impopularidade –rexéitao o 71 por cento da poboación–. Por máis que lle dera as costas no Senado criticando o papel de verdugo que lle impuxera ao exército en Guantánamo, ou mesmo a súa negativa a asinar o Protocolo de Kioto, non conseguiu escapar durante a campaña da sombra cazadora do valedor de Aznar. Obama é un político do establishment. Retirará as tropas de Iraq antes de 2010, pero xa comprometeu co Pentágono o envío de máis militares a Afganistán, que formará parte canda a crise do turbocapitalismo, a enorme débeda acumulada, a dependencia enerxética, o cambio climático, as grandes bolsas de pobreza e o paro, do seu calvario máis inmediato. Terá que desafiar a lobbys e conspiradores, para cumprir coas expectativas xeradas. Non llo porán fácil. Chega cando diminúe o poder presidencial, como nolo recordaron Rusia en Xeorxia e China nos Xogos que a solemnizaron como potencia. Sen que se libre no interior das provocacións da ultradereita e das envestidas dos poderosos, que non dubidan en sacrificalo todo para salvarse eles. Se cedera, oficiaría á fin o funeral do “american way of life”. Se Obama fai porque o movemento popular que o levou ao poder se manteña activo e vixiante, non ten por que suceder. Como? Traducindo en políticas sociais, en dialogo multilateral, en prohibir Guantánamos, en renunciar ás guerras preventivas e en osixenar o aire que respiramos o que dixo que significaba para el este 4 de novembro: o momento “no que a subida do nivel dos océanos empezou a frear e o noso planeta empezou a cicatrizar”. Así sexa. |
||||||||
|
Luís Álvarez Pousa é membro do Consello Asesor do Igadi. |
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 07/11/2008 |
||||||||
|
||||||||