| Presenza-Opinión |
||||||||
| Nunca é tarde? Por Fernando Pérez-Barreiro Nolla (A Nosa Terra, 06/03/2008) |
||||||||
|
E, sen embargo, non son tan sinxelas as relacións do tempo coa acción política. Hai desastres tan obxetivos, tan contrarios ás leis do espíritu, que son tamén as da materia, que acontece por veces que có tempo vénselle “dar a razón” –expresión ben acaída– aos perdedores de outrora. Claro que no tempo hai sempre tarde e cedo, e pódese chegar demasiado tarde. Con todo, a dinámica social fai que o organismo reaccione á entrada de volta do que erradamente fora desbotado. Lévanos por eses vieiros de reflexión o que acaba de pasar no Reino Unido coa nacionalización da gran empresa aseguradora e inmobiliaria Northern Rock. Xa houbera algunhas outras nacionalizacións ou seminacionalizacións, como a da infraestrutura dos camiños de ferro, pero con esta de agora parece confirmarse unha tendencia que pode siñificar o remate dun ciclo. Northern Rock era unha mútua, das varias que tanto achegaron á cohesión social e á etica dos negocios na Gran Bretaña. Na furia privatizadora e na cobiza desatada de gaños inmediatos, transformouse en sociedade por accións, comprada aos mutualistas ilusionados polo beneficio inmediato. Así foron caíndo, unha detrás doutra, cuase todas as células daquel tecido social. Os trens non andaban millor e as sociedades comezaron a dar hipotecas no mesmo clima de optimismo e despreocupación que levara a liquidar as mútuas e cooperativas, que semellaban cousa de tempos grisallos e pobres, superados polo glamour da prosperidade europea. Ao derrubarse o mercado inmobiliario e quedar en descuberto as sociedades fronte aos acreedores que lles facilitaran o diñeiro que non tiñan para atender aos seus clientes, sobreveu a falencia masiva. Un castelo de soños quedou en ruinas. E aí tivo que vir o Estado a garantir as débedas de Northern Rock, nun abismo sin fondo para os contribuintes. Si tiña que vir o diñeiro público a financiar iso, a única lóxica era a da nacionalización. E así, neste caso como nos que o precederon, voltou á actualidade o que parecía morto para sempre. A nacionalización era posible. Privatizar fora un erro e levara, unha e outra vez, a ter que acudir aos fondos públicos, ao diñeiro dos contribuíntes, mal servidos por riba, para salvar aos inversores. E hai que lembrar canto se alabara aos inversores polo risco que corrían. Resulta que o risco corríano os demáis, sin ter voz nin voto nos consellos de administración. As privatizacións iniciadas por Thatcher e seguidas con entusiasmo polos gobernos socialdemócratas que a sucederon foron realmente a venda da prata da familia que denunciou o vello conservador MacMillan. Será que o tempo veulle dar a razón a socialistas e conservadores que pensaban que o patrimonio público existe e que a sociedade non é unha morea de cobizosos sen freo? |
||||||||
|
Fernando Pérez-Barreiro Nolla é membro do Consello Asesor do Igadi. |
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 02/03/2008 |
||||||||
|
||||||||