| Presenza-Opinión / Balcáns |
||||||||
| A vella España ten medo do pequeno Kosovo Por Enrique Sáez Ponte (igadi.org, 24/02/2008) |
||||||||
|
A vella España non asimila que a diversidade da nova España é a causa de que medre máis ca os seus veciños, pechados en antigas administracións centralistas, xestionadas por castes de altos funcionarios, das que Madrid ten morriña. A vella España ten ciumes do dinamismo da nova España que, dende a propia diversidade, entende a complexidade do mundo actual. A vella España loita en Kosovo contra esa nova España, que lle está agromando dentro e coa que vai ter que debater sobre realidades plurinacionais e soberanías compartidas. Unha nova España que xurde das liberdades democráticas para ofrecernos unha realidade máis rica e abrir as portas a unha nova relación cos portugueses. A vella España parece esquecer que, a principios dos noventa, as súas reticencias e as de Francia e o Reino Unido, impediron que Europa recoñecera e protexera inmediatamente a independencia de Croacia, o que deu pé á peor guerra dos últimos sesenta anos no noso continente, con miles de mortos e todo tipo de crimes. Mesmo Francia, o mellor modelo do Estado-nazón centralizado, xa rectificou. A vella España lidera agora un grupo de pequenos estados europeos que comparten as posicións de Vladimir Putin, o autócrata que está a eliminar as liberdades do pobo ruso e que persegue ás súas propias minorías sen respectar os dereitos humanos. A independencia de Kosovo é un proceso difícil que ven de cruzar un punto sen retorno. Vai necesitar da misión militar e da misión civil que Europa ten en marcha e de moita axuda económica, e deberá asegurar a convivencia civilizada coa minoría serbia. Darlle ás a Serbia e Rusia, dividindo a postura europea, complica aínda máis o proceso e pode provocar unha nova espiral de violencia. A decadencia da vella España non debería traer máis sangue. |
||||||||
|
Enrique Sáez Ponte é membro do Consello Asesor do Igadi. |
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 24/02/2008 |
||||||||
|
||||||||