Acción exterior Volver a TitularesVolver a Acción exterior
Portugal perante o Acordo Ortográfico
Ângelo Gonçalves Vicente (A Nosa Terra, 17/04/2008)
 
 

  José Eduardo Agualusa; clic para aumentar
Mais aínda se debe referir un outro elemento, que un escritor de Angola, Eduardo Agualusa, colocaba publicamente hai unhas semanas: a lingua galego-portuguesa non é orixinariamente lusa, mais galega. A Lusitania comezou a falar galego-portugués só cando a lingua nacida no Reino da Galiza, e primixeniamente chamada de galego ou galaico, foi levada para o sul. (Foto: José Eduardo Agualusa retratado en Viana do Castelo en 2006. ©Noelma Abreu).
 
Nos últimos tempos Portugal está a verse sacudido por un vivo debate arredor do asunto lingüístico. É o momento de, por fin, posicionárense a serio en relación ao Acordo Ortográfico internacional para a lingua galego-portuguesa, e son moitas as voces que se ouven, a favor e en contra.

Entre os que se opoñen á verdadeira adopción das normas comúns aprobadas por todos os países da CPLP, incluído Portugal, aparecen os conservadores por natureza, sendo indiferente que no político se autodenominen de esquerdas ou dereitas, progresistas ou conservadores. Son as persoas e personalidades que se senten cómodas no statu quo, que teñen medo ao esforzo de aprendizaxe necesario, en realidade mínimo, para reciclaren o que xa estudaron do portugués lisboeta. Probabelmente todas e todos levamos algo deste espírito no interior, mais costuma ser inimigo do avanzo. E aquí non se está a falar nun avanzo pouco meditado!

Tamén entre os que rexeitan o Acordo están as empresas que temen que a mudanza poida afectarlles os bolsos. As editoras portuguesas recean a concorrencia das brasileiras en Portugal e na África e Asia lusófonas; territorios nos que até agora gozaban dun arancel en forma de norma ortográfica diferenciada. Sei que parece estraño, mais a pesar das poucas diferenzas entre a grafía brasileira e a portuguesa, os países africanos e asiáticos de lingua galego-portuguesa compran os libros na norma que se axusta a aquela escollida para as escolas. Mais esta mentalidade das editoras portuguesas é demasiado restrita, é unidireccional. Non é tamén certo que habendo unha norma única a elas ábreselles a posibilidade de penetraren o mercado brasileiro, aliás, o maior da lusofonía?

Por último, entre os contrarios á aplicación do tratado tamén se encontran os gardiáns das esencias lusas. Como se vai permitir que as ex-colonias portuguesas poidan condicionar o modo en que se escribe o idioma no país en que este naceu, na metrópole? Como un brasileiro ou un angolano vai dicir aos nobres lusitanos cal é a “súa” lingua? E aquí convén lembrar aos queridos irmáns do sul que as linguas son de quen as falan, no plano romántico, e daqueles países con maior peso político, no plano real. Neste sentido, Portugal conta cunha seria ameaza no ámbito lusófono. Todo un BRIC. O Brasil. Mais aínda se debe referir un outro elemento, que un escritor de Angola, Eduardo Agualusa, colocaba publicamente hai unhas semanas: a lingua galego-portuguesa non é orixinariamente lusa, mais galega. A Lusitania comezou a falar galego-portugués só cando a lingua nacida no Reino da Galiza, e primixeniamente chamada de galego ou galaico, foi levada para o sul. Por tanto, chegado o caso, habíamos de ser as galaicas e galaicos, incluídos os do norte de Portugal, quen nos preocupásenos polo que se vai facer co idioma que inventamos.

Non, non merece a pena oporse á uniformidade ortográfica. Será un pouco custosa no inicio, mais fará con que o idioma galego-portugués teña un pouco máis de forza no mundo. O poder brando proxectábel por todos os países do noso dominio lingüístico gañará automaticamente uns gramos máis de peso. Algún día nós tamén deberemos avanzar nesa dirección, sen medo. Temos todo por gañar.

 
 

Ângelo Gonçalves Vicente,
director de Actividades da Fundación Via Galego
e analista colaborador do Igadi.

Ângelo Gonçalves Vicente, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Acción exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 20/04/2008
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta