| Presenza-Opinión / África |
||||||||
| Unha “jaima” en Manhasset Por Xulio Ríos (AGN, 06/08/2007) |
||||||||
|
Rabat someteu a Nacións Unidas en abril pasado, un proxecto de autonomía para o Sahara occidental coa intención de desatascar un proceso que leva atorado máis de trinta anos. O Polisario xa adiantou o seu rexeitamento ao plan, a pesar de que o proxecto contempla a existencia dun goberno, un parlamento e un poder xudicial autónomo en todo o territorio da antiga colonia española. Menos sería nada. Todos coinciden en sinalar que estas negociacións constitúen en si unha oportunidade para lograr un arranxo pacífico deste contencioso. O propio Ban Ki-moon promove esta aproximación. Pero as posicións semellan inamovibles e dificilmente poderá avanzar o entendemento sobre a base da exclusión da consulta sobre a autodeterminación saharuí, principio elemental recoñecido na legalidade internacional vixente. O que Rabat chama as “provincias do Sur”, soamente poden aceptar a oferta de Marrocos cando perciban a falta de apoios básicos. E o problema, ou a “solución” segundo se vexa, pode estar aí. As mutacións experimentadas na xeopolítica do norte de África como consecuencia da estratexia de loita internacional contra o terrorismo melloraron substancialmente as expectativas das teses de Rabat, convidando ao pragmatismo da renuncia. A clave segue a estar en Alxer. En Galicia temos unha man no corazón e outra no bolsillo. A tradicional solidariedade coa causa saharauí, tan presente no verán arredor do programa “Vacacións en Paz”, complétase coa crecente proliferación de intereses económicos (conserveiros, pesqueiros, inmobiliarios, etc) que fan de Marrocos un referente de crecente interese para a nosa acción exterior. Por iso, sen entrar a recomendar ou non unha autonomía como a nosa ao Polisario, sería desexable e urxente dispor dunha política específica en relación a Marrocos. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 08/08/2007 |
||||||||
|
||||||||