Acción exterior Volver a TitularesVolver a Acción exterior
Un debate galego
Por Xulio Ríos (AGN, 28/05/2007)
 
 

  Diogo Freitas do Amaral, clic para aumentar
Diogo Freitas do Amaral foi tallante na súa exposición: ou se cumpre a Constitución rexionalizando o territorio do continente ou debe suprimirse do texto o deber de rexionalizar. Despois de 30 anos en situación de flagrante inconstitucionalidade, asegurou, é tempo de tomar decisións valentes.
 
Diogo Freitas do Amaral despediuse esta semana da súa dilatada carreira como profesor. No seu adeus ás aulas, Freitas, natural de Povoa de Varzim, referiuse á inconstitucionalidade por omisión provocada polo non cumprimento do mandato de rexionalización que contempla a Carta Magna lusa. Na súa derradeira lección, o ex ministro de negocios estranxeiros no gabinete de Sócrates e fundador do CDS, defendeu a rexionalización, unha idea constante que vertebra a lei fundamental portuguesa e que nos últimos anos pasou do consenso a ser un asunto “controvertido e delicado”.

Freitas foi tallante na súa exposición: ou se cumpre a Constitución rexionalizando o territorio do continente ou debe suprimirse do texto o deber de rexionalizar. Despois de 30 anos en situación de flagrante inconstitucionalidade, asegurou, é tempo de tomar decisións valentes. O primeiro ministro José Sócrates, presente na Reitoría da Universidade Nova de Lisboa, escoitou ao seu ex colega do Consello de Ministros ata o pasado 30 de xuño de 2006 en que presentou a dimisión por razóns de saúde, pero conxelou as expectativas. En palabras do líder socialista, nin vai ser para agora nin é seguro que o tema se inclúa na axenda da próxima lexislatura, recuando mesmo do compromiso formulado polo seu propio goberno ao pouco de tomar posesión. O medo a que se produza un resultado frustrante como o rexistrado en 1998 pode coa vontade do primeiro ministro, quen supedita agora calquera paso nesa liña ao logro dun nivel de consenso que garanta unha sólida expectativa de vitoria.

As reflexións de Freitas do Amaral non son un feito illado e coinciden no tempo coa insistencia manifestada polo presidente da Junta Metropolitana de Porto, Rui Rio, quen reclama un debate profundo sobre o tema ata 2009 e con carácter previo á transferencia de máis competencias aos municipios, proceso que Lisboa pretende promover.

O debate sobre a rexionalización en Portugal é de grande importancia estratéxica para Galicia. A situación actual dificulta o afondamento das relacións bilaterais, especialmente no marco da Comunidade de Traballo, por mor da falta de homologación institucional. Esta segunda oportunidade abriría expectativas de grande interese que a Galicia, sen ánimo de interferir, interésalle promover lealmente.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Acción exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 27/05/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta