Observatorio Galego da Lusofonía (Ogalus)Volver a TitularesVolver a Observatorio Galego da Lusofonía (Ogalus)
Timor: Vitoria curta da FRETILIN
Por Xulio Ríos (igadi.org, 10/07/2007)
 
 

  Mari Alkatiri; clic para aumentar
O resultado de Alkatiri evidencia que foi quen de resistir a forte presión que ven marcando a vida política e social timorense. A súa ascendencia marxista, a fidelidade ao proxecto orixinal da FRETILIN e a resistencia a converter Timor nunha neocolonia australiana están no cerne das tensións vividas nos últimos tempos.
 
A FRETILIN gañou as eleccións lexislativas do pasado 30 de xuño. A formación do ex primeiro ministro Mari Alkatiri obtivo o 29% dos votos, a metade dos obtidos nas lexislativas de hai seis anos (57%), as primeiras celebradas despois da independencia e cando as tres grandes figuras do movemento (xunto con Gusmao e Ramos-Horta) presentábanse baixo as mesmas siglas. O 29% dos votos é, con todo, un resultado importante que contrasta co vaticinio de moitos observadores interesados que prognosticaban unha desfeita en favor da formación de Xanana Gusmao, quen á fronte do Congreso para a Reconstrución de Timor, non chegou ao 24% dos sufraxios.

O enfrontamento entre Gusmao e Alkatiri, obrigado a dimitir o ano pasado no decurso dos violentos disturbios rexistrados en Dili, e o anuncio do resto de formacións da negativa a pactar coa FRETILIN, abren expectativas á formación dunha ampla coalición na súa contra. Tanto o Partido Democrático como a INDERTIM ou a alianza ASDT-PSD, xa anunciaron a súa disposición para acordar unha maioría parlamentaria estable. Mário Carrascalao, ex gobernador de Timor baixo a ocupación indonesia e líder do PSD, afirmou que só dese xeito poderá garantirse a estabilidade. As eleccións lexislativas producironse un mes despois de consagrar na presidencia a Jose Ramos-Horta. Este resultado debería culminar o desprazamento do poder da FRETILIN.

O resultado de Alkatiri evidencia que foi quen de resistir a forte presión que ven marcando a vida política e social timorense. A súa ascendencia marxista, a fidelidade ao proxecto orixinal da FRETILIN e a resistencia a converter Timor nunha neocolonia australiana están no cerne das tensións vividas nos últimos tempos. Canberra buscaba a marxinalización do movemento que foi artífice principal da independencia. Pero o proscrito Mari Alkatiri demostrou contar con sólidas bases de apoio popular que dificilmente poderán ser obviadas. A FRETILIN deberá desenvolver unha política moi creativa e crítica, pero responsable e coidadosa, evitando que a fráxil estabilidade presente derive de novo nunha violencia da que poida ser culpada. As experiencias pasadas de manipulación política aconsellan tanta firmeza como prudencia.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Observatorio Galego da Lusofonía (Ogalus)



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 10/07/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta