Observatorio Galego da Lusofonía (Ogalus)Volver a TitularesVolver a Observatorio Galego da Lusofonía (Ogalus)
Timor a pola terceira volta
Por Xulio Ríos (igadi.org, 14/05/2007)
 
 

  José Ramos Horta, clic para aumentar
José Ramos Horta, Premio Nobel da Paz de 1996, conseguiu o 73 por cento dos votos fronte ao 27 por cento do seu rival, Francisco Guterres Lu Olo, candidato da FRETILIN, superándoo nos trece distritos do país.
 
José Ramos Horta gañou o pasado mércores 9 de maio as eleccións presidenciais de Timor Oriental, segundo anunciou a portavoz da comisión electoral, María Angelina Lopes Sarmento, e será por tanto o próximo inquilino do Palacio das Cinzas. A participación superou o 80 por cento.

Horta, Premio Nobel da Paz de 1996, conseguiu o 73 por cento dos votos fronte ao 27 por cento do seu rival, Francisco Guterres Lu Olo, candidato da FRETILIN, superándoo nos trece distritos do país. Lu Olo, ex guerrilleiro e presidente do parlamento, aceptou a súa derrota nesta segunda rolda para elixir ao substituto do ex presidente Xanana Gusmao, quen buscará a reelección como primeiro ministro. Cabe sinalar que na primeira volta, Horta, candidato independente, quedou en segundo lugar, por detrás de Guterres (21,81 por cento fronte ao 27,89).

Con esta elección puidera pecharse a crise política desatada en abril cando os enfrontamentos civís provocaron a morte dunhas 23 persoas e o desprazamento de máis de 30.000 refuxiados. Unha forza multinacional dirixida por Australia arribou a Dili, a capital de Timor, para restaurar a estabilidade, en medio dunha intensa campaña de acoso e derribo do primeiro ministro e figura clave da política timorense, o musulmán e marxista, Mari Alkatiri.

Esta segunda volta estivo presidida por unha marcada campaña de “todos contra a Fretilin”. Pero a auténtica medición de forzas realizarase o próximo 30 de xuño, cando deben celebrarse eleccións lexislativas. Ás candidaturas da Fretilin deben sumarse as do Partido Democrático de Fernando Lasama, o recen fundado CNRT (Congreso Nacional da Reconstrución Timorense), de Xanana Gusmao, e o PSD, de Mário Carrascalao e Lúcia Lobato. O obxectivo da Fretilin é, cando menos, controlar a terceira parte do futuro Parlamento Nacional para dispoñer dunha minoría de bloqueo que lle permita influír de modo decisivo na política do país e impedir a reforma de leis esenciais como a do Fondo Petroleiro que xa suma máis de 1.300 millóns de dólares.

A alianza Gusmao-Horta, co apoio de Australia e de EEUU, ten por obxectivo marxinar politicamente á Fretilin, a principal forza política do país e artífice da independencia fronte a Indonesia. Moitos analistas consideran que a crise política desatada nos últimos meses é inseparable do interese exterior por acceder á explotación dos xacementos petrolíferos descubertos nas súas costas e as resistencias de Alkatiri a facilitar a penetración das multinacionais occidentais do sector.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Observatorio Galego da Lusofonía (Ogalus)



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 14/05/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta