Presenza-Opinión / Rusia Volver a TitularesVolver a Presenza/Rusia
Rusia Unida e Putin
Por Xulio Ríos (GZnación, 04/12/2007)
 
 

  Bandeiras de Rusia Unida ondean preto do Kemlin, clic para aumentar
Rusia Unida, a formación que apoia ao presidente Putin, acadou o 63 por cento dos votos, fronte ao 37 por cento de hai catro anos. (Foto: Bandeiras de Rusia Unida ondean cerca do Kemlin).
 
Os resultados das eleccións lexislativas celebradas en Rusia o pasado domingo ofreceron poucas sorpresas. Rusia Unida, a formación que apoia ao presidente Putin, acadou o 63 por cento dos votos, fronte ao 37 por cento de hai catro anos, mentres as forzas de oposición, lideradas polo Partido Comunista da Federación Rusa, quedaron a moi longa distancia.

A nova Duma presenta como denominador común o fortalecemento das tendencias nacionalistas, quedando excluídos algúns dos liberais que protagonizaron os máis convulsos tempos do capitalismo salvaxe na Rusia pos-soviética. O índice de participación nas eleccións rusas, superior ao sesenta por cento, foi o máis elevado dos últimos anos e, a diferenza das 23 formacións que se presentaron en 2003, agora só once formalizaron candidaturas. Coa barreira do 7 por cento, só 4 partidos accederon á Duma. Esa simplificación do mapa partidario tamén zumega algún paradoxo. De todos eles, quizais Rusia Unida, a maior forza de todas, sexa a máis feble, cohesionada arredor do Kremlin e da figura de Putin, pero sen dispor dunha alternativa identificable que vaia máis alá de servir de plataforma ao actual presidente e a amalgama de intereses que alenta ao seu redor. A futuro, un dos maiores retos consiste en dotar a Rusia Unida dunha solidez da que poida presumir ata na oposición, onde, chegado o caso, moitos teme que se podería diluír cun simple golpe de vento.

Nesta especie de primarias das eleccións presidenciais de marzo próximo, Putin, por primeira vez, situouse á fronte de Rusia Unida, reclamando dos electores o respaldo para o seu proxecto, e suxerindo un voto de confianza. Coa maioría absoluta e ese simbolismo redentor asociado á súa imaxe, Putin e a súa represiva “democracia soberana” encaran os vindeiros meses co reto de consolidar as expectativas electorais e efectuar os axustes precisos na nova nomenclatura do Kremlin para que, como el mesmo dixo, poida seguir influíndo na política rusa aínda despois de abandonar o poder. Suponse que os resultados do pasado domingo outórganlle o “argumento moral” que andaba buscando.

O técnica e constitucionalmente imposible terceiro mandato de Putin será, pois, á sombra pero con focos. Todo apunta a que podería asumir a xefatura do goberno nunha remodelación que esixirá un reforzamento considerable das súas competencias. O nivel de control que exerce sobre as palancas de poder e o previsible pacto establecido entre os principais interesados, asegura unha transición a priori exenta de problemas, a carón dunha sociedade que, en boa medida, “lamenta” mesmo que Putin non poida candidatarse novamente.

Triste situación a rusa cando grandes capas de poboación poden considerar a Putin a encarnación mesmo da redención do país e as súas xentes, símbolo da recuperación da esperanza.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Rusia



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 07/12/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta