Presenza-Opinión / Rusia Volver a TitularesVolver a Presenza/Rusia
Putin o Grande
Por Xulio Ríos (AGN, 19/02/2007)
 
 

  Vladimir Putin, clic para aumentar
Outra cousa é que o unilateralismo e o militarismo de EEUU sexan expresión da súa supremacía, ou, pola contra, revelen a súa incapacidade para afrontar problemas cada vez máis complexos e que dificilmente atoparán resposta no ámbito preferente ou exclusivo da seguridade. As ambicións de Washington son as que conducen a outros países a adquirir armas de destrución masiva, dixo Putin (na foto), e non sen razón.
 
Que deixan entrever as críticas de Putin en Munich ao papel de EEUU no mundo? As hipóteses son moi variadas: dende a expresión dunha conxuntural quebra de confianza ata unha acusada diverxencia con vocación de simbolizar un fortalecemento paulatino de Rusia, unha tardía chamada á negociación do despregue do sistema de defensa antimísiles en Europa oriental ou da solución para Cosova, e mesmo un anticipo de condena ante un posible ataque a Irán.

Calquera que sexa, é impensable o rexurdimento dunha dinámica de guerra fría entre os dous países. O propio ministro ruso de exteriores, Serguei Lavrov, declarou a “Der Spiegel” que Rusia pensa nunha “resposta intelectual” aos propósitos de Washington e non en malgastar diñeiro nunha carreira armamentista. O Kremlin é consciente dos seus límites e posibilidades, reclamo que tamén formula a Washington, pero con escaso éxito. Segundo o orzamento remitido pola Casa Branca ao Congreso, o gasto militar de EEUU en 2008 será o máis alto desde a segunda guerra mundial. A razón é simple: ademais de afrontar as guerras en curso, se trata de garantir a toda costa a supremacía militar do país no mundo para manter a condición de superpotencia, financiando xenerosamente programas destinados a obter as armas máis avanzadas. A resposta ao envite estadounidense terá que ser doutra natureza. Ninguén no mundo está hoxe en condicións de seguir os seus pasos.

Outra cousa é que o unilateralismo e o militarismo de EEUU sexan expresión da súa supremacía, ou, pola contra, revelen a súa incapacidade para afrontar problemas cada vez máis complexos e que dificilmente atoparán resposta no ámbito preferente ou exclusivo da seguridade. As ambicións de Washington son as que conducen a outros países a adquirir armas de destrución masiva, dixo Putin, e non sen razón. Os factores de proxección de poder de Rusia residen na enerxía, no seu complexo militar-industrial e no fortalecemento de alianzas internacionais, tanto no eido económico (cártel do gas, quizais) como político (como ese novo eixe con India e China), pero que hoxe xeran aínda escasa confianza pois todos saben que, diatribas aparte, na hora da verdade, a Rusia de Putin, por moi grande que sexa, non é rival estratéxico e por iso é altamente improbable que o sangue chegue ao río. Putin nin é nin aspira a ser o Chávez euroasiático.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Rusia



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 18/02/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta