| Presenza-Opinión |
||||||||
| Previsións 2008 Por Xulio Ríos (ECO, xaneiro/2008) |
||||||||
|
O FMI prognostica que o crecemento económico dos países en vías de desenvolvemento de Asia, incluídos China e India, situarase por riba do 9 e do 8 por cento en 2007 e 2008, respectivamente. China crecerá por riba do dez por cento. Tamén algúns países de África viviron en 2007 os períodos de maior crecemento dos últimos 40 anos. En conxunto, países como China, India ou Rusia aportaron estabilidade á economía global, fortalecendo a significación das economías emerxentes, de xeito que a metade do crecemento económico global en 2007 foi achegado polos tres países citados. A incerteza en 2008 provén dos prezos do cru e das turbulencias dos mercados financeiros globais, como consecuencia dos riscos da economía estadounidense, que seguirá crecendo por debaixo das expectativas, circunstancia que tamén afectará a Xapón, Canadá, e a Unión Europea, onde o crecemento tamén se moderará con respecto a anos anteriores. O FMI tamén chama a atención sobre o encarecemento dos prezos dos alimentos, suxerindo importantes alzas da inflación nos países emerxentes. No seu conxunto, segundo estas previsións, en 2008 podería pecharse o ciclo de gran expansión vivido nos últimos anos, en boa medida como consecuencia do rápido crecemento do comercio mundial (9,2% en 2006) e o aumento dos fluxos de capitais cara os países emerxentes e en desenvolvemento (280 millóns de euros en 2006). Todos os países e todas as rexións do mundo medraron, aínda que desigualmente. No político, podería pecharse tamén o ciclo de maior intensidade do unilateralismo e da doutrina do uso da forza para acadar obxectivos estratéxicos, tal e como veu facendo a Administración Bush dende os seus inicios e moi particularmente dende o 11S. O fracaso en Iraq, as complicacións crecentes en Afganistán, a convicción de que os grandes desafíos globais son imposibles de xestionar sen o concurso de mais actores, e a concreción de intereses diverxentes por parte de potencias como Rusia e China, aventuran horizontes de cambio no sistema de relacións internacionais, que toma boa nota, no político, das grandes dificultades da economía estadounidense, cun peso que cada vez se reduce mais na economía global. O mundo non para quieto. Bule sen cesar, introducindo novos ritmos e tendencias que reducen a capacidade hexemonizadora das economías máis desenvolvidas, situando no horizonte escenarios onde as achegas de economías tan importantes como as asiáticas, a rusa, ou mesmo a brasileira, crecerán en transcendencia na medida en que se ven respaldadas por vontades políticas que afirman procesos de integración diferenciados ou que fomentan mecanismos de cooperación Sur-Sur que no novo contexto teñen posibilidades de contar con valor real e non só testemuñal. Esa multipolaridade pode conducir a unha maior estabilidade do sistema internacional, tanto no eido económico como político, e reducir riscos futuros. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 28/12/2007 |
||||||||
|
||||||||