| Presenza-Opinión / Rusia |
||||||||
| Plan Putin Por Xulio Ríos (AGN, 27/11/2007) |
||||||||
|
A imaxe do presidente é o mellor cartel de Rusia Unida, que aspira a unha vitoria irresistible defendendo o continuísmo da política desenvolvida nos últimos oito anos polo actual líder do Kremlin. Aínda que en 2008 deba abandonar a presidencia ao esgotar os dous mandatos, as especulacións sobre cal será o plan de Putin para seguir condicionando a política rusa sen violar a Constitución, ofrecen múltiples variantes. Putin, que encabeza a lista federal de Rusia Unida, desprazando a Boris Grizlov, presidente da Duma, explicou en Krasnodark que a súa decisión obedece á necesidade de garantir unha maioría parlamentaria ben encaixada coas estratexias gobernamentais, e mesmo para dispor do dereito moral a reclamar dos dirixentes o cumprimento dos obxectivos trazados. Esa mestura de estabilidade e esixencia sería unha combinación perfecta para un Putin primeiro ministro. Outros, non obstante, consideran que centrará a súa actividade na consolidación de Rusia Unida, o que lle brindará considerables resortes de influencia na política interna. En calquera caso, non abriga intencións de retirarse a unha dacha. A popularidade de Putin atópase en pleno apoxeo en Rusia, pero a campaña electoral desenvolvese no medio dunha inmensa apatía. Dos once partidos que compiten pola obtención de escanos na Duma, soamente dous teñen asegurada a representación. A espantada da misión observadora da OSCE non cuestionará a credibilidade electoral do singular sistema ruso, que pivota cada vez máis sobre as sempiternas claves que modelaron o país durante séculos. Non é de estrañar, pois, que xurdan movementos como o de converter a Putin en “líder nacional” e que en poucas semanas colleitara máis de trinta millóns de sinaturas. Rusia sempre precisará un tsar que exerza un liderado forte, centralizado e nacionalista en alianza cunha nomenclatura política e económica virada de costas á inmensa maioría social. Ese rancio discurso de Putin logrou calar amplamente, dentro e tamén fóra do propio país. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 26/11/2007 |
||||||||
|
||||||||