| Acción exterior |
||||||||
| Os puntos cardinais de Galicia Por Xulio Ríos (Xornal, 30/08/2007) |
||||||||
|
A xestión de Gómez-Reino á fronte da Secretaría Xeral de Relacións Exteriores non era doada. Máis difícil aínda cando o que se intenta é facer unha xestión profesional cun bipartito que, en termos globais e neste aspecto, non comparte apenas discurso, vive de costas á realidade exterior e pouco lle importa, a excepción de cando presenta trazos electorais ou se trata de facer sombra aos tantos que poida apuntarse o aliado rival. Os esforzos de acoutamento e de orientación da acción exterior galega, en boa medida recollidos na nova Estratexia (non sabemos se compartida polo BNG), impulsados por Gómez-Reino, presentan agora como hándicap elemental a chegada dun novo titular que pode verse loxicamente tentado de imprimir un selo propio, isto é, diferente, á xestión da nosa paradiplomacia que precisa, sobre todo, estabilidade e un horizonte de consenso que chegue mesmo máis alá do bipartito e involucre máis forzas, políticas e sociais. E nesas non estamos no tempo actual, marcado xa por múltiples anuncios electorais que engaden complicación á falta de sintonía, sensibilidade, coñecemento e propostas neste ámbito. É certamente unha mágoa non aproveitar este cambio para efectuar un axuste maior, aproximando e clarexando máis as principais áreas relacionadas coa proxección exterior e impulsando medidas que evidencien en maior grao a ruptura co continuísmo, aínda presente e non en eidos menores. Emigración, cooperación e relacións exteriores poderían sumar capacidades, coordinar políticas, evitar erros e propiciar un salto na nosa presenza internacional e, moi necesario tamén, no reforzamento da cultura exterior do conxunto do goberno e da administración, que está aínda por demostrar. Mesmo en sede parlamentaria. A frustración de Gómez-Reino con este panorama é máis que comprensible. Para manter o entusiasmo nun país onde a tan poucos importa en serio trascender os límites e afondar nos seus puntos cardinais, o seu substituto vai precisar algo máis que crer na súa misión. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 02/09/2007 |
||||||||
|
||||||||