Presenza-Opinión / Rusia Volver a TitularesVolver a Presenza/Rusia
Os homes de Putin
Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 20/09/2007)
 
 

  Víktor Zubkov, clic para aumentar
Víktor Zubkov é outro burócrata-espía fiel a Putin. Nos últimos anos centrou a súa actividade no goberno da cidade de San Petersburgo e na loita contra o lavado de diñeiro –desde febreiro de 2001–, operacións que brindan un argumento libre de sospeita para desfacerse de personaxes hostís e perigosos.
 
A recente substitución de Mijail Fradkov por Víktor Zubkov á fronte do goberno ruso, a tres meses das eleccións lexislativas e medio ano das presidenciais, ven a demostrar varias cousas. En primeiro lugar, que a sucesión de Putin non está pechada e que a carreira continúa ata o punto de que este, dado ou seu perfil, poida non ser o seu verdadeiro candidato. En segundo lugar, que a pesar dá fortaleza de Putin e da súa considerable liberdade de actuación, sen rivais serios que compitan co poder do Kremlin, este primeiro paso podería confirmar que as súas dificultades para atopar un candidato aceptable e aceptado polos poderes fácticos non son menores.

Zubkov é outro burócrata-espía fiel a Putin. Nos últimos anos centrou a súa actividade no goberno da cidade de San Petersburgo e na loita contra o lavado de diñeiro –desde febreiro de 2001–, operacións que brindan un argumento libre de sospeita para desfacerse de personaxes hostís e perigosos. Ziuganov, líder da fracción comunista da Duma, votou en contra da designación de Zubkov, a pesar da súa “boa traxectoria no período soviético”. Coa substitución de Fradkov, Putin librouse tamén dalgúns ministros impopulares, asegurando o continuísmo da súa política cun primeiro ministro que obedecerá as súas ordes sen rechistar.

Non está claro, por outra banda, que este novo titular do goberno vaia a ser, necesariamente, o candidato de Putin á Presidencia. O goberno ruso actual carece de poder efectivo e da mínima autonomía política, desempeñando funcións de caracter predominantemente técnico. O poder real, é cousa sabida, está na Presidencia. A analoxía co sucedido en 1999, cando Ieltsin postulou a Putin, non ten por que darse agora, aínda que moitos dan por feito que así será. Se, por outra banda, temos en conta que o Kremlin deberá afrontar nos próximos meses unha xestión delicada con reformas importantes pero impopulares e unha probable retardación do crecemento, ben podería Zubkov ser o chamado a recibir as críticas en vez do chamado a suceder a Putin. Nese caso, habería un “nome”, na sombra ou non, que podería traer a primeiro plano a figuras hoxe en aparencia descartadas como Serguei Ivanov -vicepresidente primeiro do anterior executivo- ou Dmitri Medvédev, entre outras, moi sinaladas como probables sucesores e que agora “beneficiaríanse” do desvío da atención mediática e dunha xestión que podería complicarse no período preelectoral. Zhirinovski, o líder do PLD, asegura que o candidato de Putin será unha figura totalmente nova e inesperada e que non vai despegar desde o posto de primeiro ministro. Poida que si. Outras voces consideran que soamente estamos ante unha manobra de distracción e que o seu verdadeiro candidato segue sendo Ivanov. O xornal ruso Vedomosti recolle outra hipótese: Zubkov podería ser o candidato co compromiso de actuar como “presidente técnico” entre 2008-2012 gardando o posto a Putin que daquela sería novamente candidato.

Sexa como for, comezou a fase de reestruturación do poder con vistas ás eleccións presidenciais de marzo de 2008. Os movementos das últimas semanas evidencian que a política rusa segue a ser impredicible e en extremo dependente da estratexia dun Presidente debedor dunha conduta política que manifesta máis fondas semellanzas co actuar da autocracia zarista ca dun sistema democrático. Estamos na intrigante Rusia de sempre.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Rusia



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 21/09/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta