| Presenza-Opinión |
||||||||
| Os dilemas de Bush Por Xulio Ríos (AGN, 02/01/2007) |
||||||||
|
A estratexia que poida adoptar Bush debe garantir que Bagdad sexa quen de facerse co control da situación polos seus propios medios, reducindo a violencia e encamiñando a senda da normalización sen apartarse, obviamente, da debida fidelidade á Casa Branca, premisa prioritaria en todo caso. Pero lealdade a Washington e pacificación semellan estar en permanente contradición. A experiencia de Afganistán é moi negativa neste sentido. O actual goberno de Bagdad é incapaz de garantir a estabilidade e numerosos sectores da súa sociedade –e da internacional– o consideran un simple testaferro de Washington. Unha retirada sería recibida pola oposición como un trunfo, abrindo as portas ao asalto ao poder á mínima oportunidade que se presente. Ese é o principal temor da Casa Branca, pois non só perdería a guerra senón tamén a paz. Pero permanecer nas actuais condicións e mesmo optar polo incremento da presenza militar ailla socialmente ao goberno de Maliki e favorece o incremento da violencia. Así as cousas, decida o que decida Bush, non dispón de boas opcións para mudar o actual rumbo dos acontecementos. Nin dando cumprimento á pena de morte contra Saddam, nin ampliando ou reducindo a presenza de tropas, logrará Washington recuperar o optimismo respecto á estabilidade da situación. No veciño Irán, mentres, contemplan as crecentes dificultades de Bush como unha excelente ocasión para acceder á tecnoloxía nuclear e incrementar a súa infuenza en toda a rexión. Ambos obxectivos semellan estar máis preto cada día. E Bush máis lonxe da vitoria que tanto se precipitou en proclamar. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 02/01/2007 |
||||||||
|
||||||||