| Presenza-Opinión |
||||||||
| O soño de Abe Por Xulio Ríos (ECO, setembro/2007) |
||||||||
|
Nas eleccións parciais ao Senado do 29 de xullo, a coalición gobernamental que preside recibiu un serio correctivo. “Os electores consideran a súa política pouco crible”, aseguraba o Asahi Shimbun. Os conservadores obtiveron 37 escanos e quedaron en minoría na Cámara. A mensaxe de renovación e cambio que Abe quería transmitir á sociedade nipona, vinculada ao desempeño dun novo papel no mundo, recibiu un severo tirón de orellas por mor dos numerosos escándalos xerados na política doméstica: dende as dimisións e suicidios de ministros envoltos en casos de corrupción ata o caos xerado en 50 millóns de expedientes de pensionistas que, nun principio, para irritación dos cidadáns e como recoñece o Mainichi Shimbun, “non tomou en serio”. A subestimación do impacto electoral destes enredos pasoulle factura, ademais de amosar unha considerable erosión da base electoral do Partido Liberaldemocrata. O Tokyo Shimbun, por exemplo, destacou o claro avance do opositor Partido Democrático nas zonas urbanas e en numerosos feudos rurais dos conservadores, denotando certo cansazo despois de seis anos e medio dunha política que, unha vez conducida por Koizumi e outra por Abe, agravou as disparidades sociais. Controlando o Congreso, Abe poderá continuar, pero a política interna vai esixirlle máis dedicación e compromiso, condicionando así o seu proxecto global. Por outra banda, librarse das hipotecas da Segunda Guerra Mundial, como predica Abe, non é cousa doada se Xapón non asume o seu pasado militarista. Todo intento de Tokio de emerxer como país “normal” acaba tropezando sempre na mesma pedra. A Cámara de Representantes de EEUU, por exemplo, aprobou por unanimidade o pasado 30 de xullo unha resolución que reclama un recoñecemento claro da explotación de mulleres por parte dos seus soldados durante aquela contenda, tal e como lle reclaman China e Corea do Sur dende hai anos. A falta de recoñecemento da responsabilidade respecto á escravitude sexual ten que ver coa escasa asunción dos crimes de guerra cometidos polas súas tropas. Esa conduta levanta moitas suspicacias en Asia e no resto do mundo respecto da emerxencia política da segunda economía do mundo. Por outra banda, o grao de autonomía internacional de Xapón é obxecto de moita discusión entre os especialistas. Para algúns non hai outro camiño que afirmarse tomando distancias de EEUU. Para outros, sen embargo, a consolidación de Xapón como un polo de poder a nivel mundial pasa inescusablemente por reforzar a alianza con Estados Unidos, facilitada pola emerxencia de China como rival estratéxico da superpotencia. Os intentos, din, de ir por libre levarán ao país a perder vitalidade. E de confirmarse, esa perda de pulso pode acabar de golpe co soño dos conservadores. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 08/08/2007 |
||||||||
|
||||||||