| Presenza-Opinión / Balcáns |
||||||||
| O día “I” Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 20/12/2007) |
||||||||
|
As necesidades loxísticas e as presións da UE sobre Pristina poden demorar uns meses a proclamación, deixando pasar primeiro as eleccións presidenciais serbias que terán lugar a finais de xaneiro para non favorecer as opcións do ultranacionalismo e a extrema dereita. Esa demora pode facilitar tamén un acordo interno na UE para acadar a unanimidade do recoñecemento do novo Estado. As tropas da OTAN (16.000 efectivos), dixo Jaap de Hoop Scheffer na reunión de ministros de Exteriores do pasado día sete, están en alerta para evitar que rexurda a violencia, especialmente no norte, onde hai maior presencia serbia. En declaracións ao lisboeta Diario de Noticias, Bajram Rexhepi, primeiro ministro saínte en Pristina, sitúa no primeiro trimestre a proclamación da independencia. En Cosova, as novas autoridades elixidas o pasado 17 de novembro en medio dunha baixa participación (43% segundo fontes oficiais, 37% segundo fontes independentes), reclaman o dereito a administrar o seu territorio sen máis tutelas. Dende 1999, a pesar da axuda internacional, os índices de desenvolvemento de Cosova non variaron en absoluto, cun desemprego á alza, corrupción a gran escala e sen apenas crecemento nin investimento. A Cosova que tutela a ONU e con toda unha OTAN de policía é un paraíso do tráfico de drogas, o branqueo de diñeiro e de prostitución a gran escala. A criminalidade organizada botou raíces e apodrece a situación actual. No seo da UE, as posicións non están unificadas. Aos temores dalgúns ao precedente (caso dos eslovacos, por exemplo, que alertan sobre intencións semellantes dos seus húngaros), sumase sobre todo a discrepancia en relación a como tratar con Rusia. Se como defenden Jochen Bittner e Andrea Bohm no Die Zeit, a única solución para os Balcáns é integrar a todos os países da ex Iugoslavia na UE, a pesar do esforzo financeiro que poida supor, cabe imaxinar que a sensible Rusia de Putin entenderá tal medida como unha provocación mais dun Occidente que segue a avanzar na súa zona de influencia tradicional. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 16/12/2007 |
||||||||
|
||||||||