Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Asia/ Asia
O cumio das Coreas
Por Xulio Ríos (AGN, 13/08/2007)
 
 

  Roh Moo-hyun; clic para aumentar
En Seúl, o consenso é practicamente unánime: EEUU dá claras mostras de indiferenza ante a traxedia. O goberno de Roh Moo-hyun (na foto) ten reclamado a Washington unha implicación máis directa na resolución da crise e unha maior flexibilidade na súa negativa a negociar cos talibáns. Negociar, din en Seúl, non é ceder.
 
Un par de datos deben axudarnos a contextualizar o próximo cumio entre as dúas Coreas. O anuncio chegou nun momento especialmente oportuno e delicado á vez para o goberno de Seúl, pendente da sorte dos seus cidadáns secuestrados en Afganistán e a poucos meses da celebración de eleccións presidenciais, previstas para decembro próximo. A axenda do encontro inclúe os temas habituais: a paz e o desarme, a desnuclearización da península, e a cooperación económica transfronteiriza, capítulos que deberan ir á par para poder encarar unha verdadeira etapa de normalización dos lazos entre as dúas Coreas. Ese proceso vai para largo e pode experimentar retrocesos.

Por outra banda, a cautelosa mellora das relacións entre Seúl e Pyongyang, que dende o cumio do 2000 consignaron altibaixos e crises moi importantes, rexístrase cando as relacións entre Corea do Sur e EEUU atravesan un momento moi comprometido por mor da crise dos reféns. En Seúl, o consenso é practicamente unánime: EEUU dá claras mostras de indiferenza ante a traxedia. O goberno de Roh Moo-hyun ten reclamado a Washington unha implicación máis directa na resolución da crise e unha maior flexibilidade na súa negativa a negociar cos talibáns. Negociar, din en Seúl, non é ceder. Mais alá das declaracións oficiais, en Washington, informado pero non consultado, preferiríase a celebración deste cumio unha vez rematara o diálogo hexagonal.

Internamente, o encontro debe servir a Roh Moo-hyun para remontar a súa crise de popularidade. Pyongyang tamén está interesado na súa continuidade e pode tirar réditos da súa febleza actual. Hoxe, os seus rivais do centro dereita, partidarios dunha política firme en relación ao Norte, van por diante nas enquisas. Cumio e estratexia electoral semellan, pois, indisolublemente unidos.

Abrirá a reunión unha nova fase que conduza á reunificación? O presidente surcoreano amosou moito entusiasmo no momento de anunciarse o cumio, mesmo evocando a posible firma dun tratado de paz formal que está pendente dende 1953, o cal constitúe unha situación inédita e totalmente anacrónica. O artífice do primeiro encontro, Kim Dae-jung, tamén ten esperanzas de que abra o camiño a un novo tempo, facilitado pola sinatura en febreiro dun acordo que preceptúa o desmantelamento do programa nuclear norcoreano a cambio dunha xenerosa axuda enerxética. Pechado o reactor de Yongbyon, volvemos ao rego inicial. Pero sen deixar de ir por augas turbulentas.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Asia



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 14/08/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta