| Acción exterior |
||||||||
| Nostalxia do galeguismo Por Xulio Ríos (Xornal, 08/11/2007) |
||||||||
|
Voltando ao exemplo da política exterior, resulta incomprensible como controlando áreas de xestión tan importantes; ou participando de estruturas como Galeuscat, onde a proxección exterior é unha preocupación compartida por todos os seus integrantes, a presenza exterior careza de vertebración alternativa, obedeza a impulsos doutros que se aproveitan na medida posible, a tics, anécdotas condicionadas pola necesidade de reaccionar ante o que fai o do lado, etc, etc, pero sen contar cun proxecto global, integral, que sitúe a Galicia, como país, no mundo, dende a óptica nacionalista, e que hoxe non soamente sería declaración programática, senón que disporía dunhas posibilidades efectivas de implementación, infinitamente maiores ás vixentes canda o galeguismo. No tempo actual, a falla de visión e sensibilidade neste aspecto predomina na maioría dos dirixentes nacionalistas contemporáneos. É probable que a obsesión pola xestión do día a día resulte abafante, pero se non se actúa en paralelo pensando o futuro, innovando saltos no redimensionamento da política galega, non soamente nos eidos internos senón naquelo que atinxe á plasmación dunha identidade internacionalmente recoñecida, unha vez máis desaproveitarase unha importante ocasión. É escasa ou nula a preocupación por suplir ese grave baleiro existente na política nacionalista, desperdiciando así unha excelente oportunidade para xestionar os diferentes departamentos en todo o que afecta á súa dimensión exterior cun proxecto claramente converxente e orientado. Dá a impresión de que o nacionalismo non se sente parte ou non se lle dá parte na acción exterior do goberno do que forma parte, pero tampouco vertebra unha opción a compartir ou sequera compartida polas súas áreas de poder. Nun país onde se fan seminarios ata sobre o papel do trompo na festa do san martiño, ben poderían organizar un sobre a política exterior do nacionalismo. Castelao, tarde, entendeu perfectamente a súa importancia, cando deixou escrito aquelo que era “fillo dunha patria descoñecida porque ninguén soubo dar sona e creto ás nosas reivindicacións patrióticas”. Plácido Castro, outro visionario a quen o nacionalismo sigue ignorando, comprendeuno á primeira, coma Tobío. Hoxe esta é unha cuestión de galescola. Pero é unha política que non se improvisa. E se se fai, sairá mal e pouco quedará dela. Ogallá que nesa anunciada reforma do regulamento da Cámara galega, alguén se lembre de introducir a acción exterior no ámbito dalgunha das súas comisións. Aí debería avanzarse na plasmación dunha “política de estado” galega en relación ao internacional. E ogallá que daquela os nacionalistas sexan quen de contar cunha estratexia de país que faga honor á visión de vangarda daqueles galeguistas de comezos do pasado século que foron quen de poñer os primeiros vimbios. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 11/11/2007 |
||||||||
|
||||||||