Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Europa/ Europa
Morrer de europeísmo
Por Xulio Ríos (GZnación, 14/08/2007)
 
 

  Merkel, Sarkozy e Brown, clic para aumentar
A máis ou menos ritmo, con máis ou menos contradicións, as políticas europeas seguen o seu curso. Ese non é o problema de Europa hoxe. O problema é o desconcerto e a incapacidade para verse a si mesma como un polo de poder mundial. E ante esa situación chama a atención a enorme parsimonia, o conformismo e a impotencia dos que se din europeístas, tan neófitos como acríticos, agardando a que os líderes (Sarkozy, Merkel, Brown...?) decídanse a retomar o impulso con maior ambición. Onde está a sociedade civil? Está conforme por medo a aumentar a febleza europea coa súa crítica?
 
Do mesmo xeito que en pleno século XXI pode resultar ata ridículo defender a vixencia do sistema democrático no Estado, dicindo, poñamos por caso, que con Franco vivíase moito pior (nin esa nunca debe ser excusa para que sexamos minimamente esixentes coa calidade do noso sistema político), tampouco é asumible que a máis elemental crítica á actual situación de Europa teña como salvagarda os avances rexistrados no proceso europeo nas últimas cinco décadas. Sendo así, moi mal andamos de argumentos.

Por outra banda, fraco favor lle fan a Europa aqueles europeístas que facendo gala dun dogmatismo creativamente nulo se compracen en cantar as excelencias das políticas sectoriais, de cohesión, as “grandes” apostas tecnolóxicas, ou as múltiples e tamén cuestionables liberalizacións que a cambio de hipotéticos mellores servizos aos cidadáns fan colar unha perda de calidade da Europa social, sen fixar a atención nos problemas que reclaman as solucións que fan avanzar o proceso. Nas diferentes Europas existen factores de progreso e outros que non o son tanto, do mesmo xeito que hai esquerdas e hai dereitas. A europeidade non é neutra.

Hai moitas velocidades en Europa según de que políticas falemos, pero no plano estritamente político hoxe coexisten con claridade, alomenos dúas: a de Bruxelas, a orixinaria, e a de Washington, a do alargamento. Esa Europa coas lealdades fragmentadas é a que bloquea a súa presenza e influencia internacional. Un exemplo, moi inmediato, a conferencia internacional sobre Oriente Medio foi convocada por Bush desprezando totalmente o Cuarteto, é dicir, Europa incluída, que porá soldados e diñeiro cando EEUU llo reclame, se chega o caso. Por non falar das relacións con Rusia ou do escudo antimísiles. Europa non ten criterio, a non ser que se entenda por criterio o errático actuar do sr Solana, preso das contradicións e carencias do momento actual.

A máis ou menos ritmo, con máis ou menos contradicións, as políticas europeas seguen o seu curso. Ese non é o problema de Europa hoxe. O problema é o desconcerto e a incapacidade para verse a si mesma como un polo de poder mundial. E ante esa situación chama a atención a enorme parsimonia, o conformismo e a impotencia dos que se din europeístas, tan neófitos como acríticos, agardando a que os líderes (Sarkozy, Merkel, Brown...?) decídanse a retomar o impulso con maior ambición. Onde está a sociedade civil? Está conforme por medo a aumentar a febleza europea coa súa crítica?

Europa móvese arredor de si, pero non é quen de acompañar con respostas suficientes as transformacións da sociedade internacional se de verdade aspira a ser algo máis ca un espazo económico e comercial común. E suponse que os europeístas a tempo enteiro estarán conformes con que Europa debe ser un polo referencial autónomo, ao igual que ambicionan Rusia, China, Xapón, India, Brasil...

As críticas ao proceso europeo non deben ser tomadas como expresión do seu fracaso, que tamén poidera ser, senón das carencias que debe superar. Por iso, os europeístas deberían ser os máis esixentes con Europa e non os máis compracentes. Esta non pode ser só a Europa dos beneficios, senón tamén a Europa das ideas e das ambicións (quen fala hoxe dun goberno europeo elixido polos cidadáns?). Sen elas haberá unha Europa corta e insuficiente, alo menos para aqueles que desexariamos que, cando menos, fose un actor politico internacional coherente, que hoxe é o principal tema de discusión, non o que de positivo ou negativo hai no balance do seu pasado.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Europa



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 14/08/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta