Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Outros/ Outros
Moderación
Por Xulio Ríos (AGN, 26/12/2007)
 
 

  Acto de sinatura do Tratado de Lisboa; clic para aumentar
Europa, que deixou atrás a súa crise constitucional, abre un horizonte de ratificación do Tratado de Lisboa. Será un ano de transición e só cabe desexar que permita esa mellora da eficiencia tan buscada, pero tamén a formulación de políticas diferenciadas que exclúan, por exemplo, unha nova hipoteca do territorio europeo ás estratexias belicistas de EEUU. (Foto: Acto de sinatura do Tratado de Lisboa o 13 de decembro de 2007. Na instantánea asinan, por Portugal, o primeiro ministro, José Sócrates Carvalho Pinto de Sousa (esquerda), e o ministro de Asuntos Exteriores, Luís Filipe Marques Amado).
 
Moderación podería ser a palabra clave que mellor defina a orientación principal das relacións internacionais no ano que remata. Nos principais contenciosos, de Corea do Norte a Irán, pasando polo mediático acordo de Annapolis, a busca de solucións diplomáticas semella imporse fronte ao uso da forza, unha tendencia que cómpre consolidar con resultados e que pode abrir expectativas positivas noutros escenarios, desde Iraq ou Afganistán a Sudán.

As causas dese cambio de tendencia relaciónanse directamente co fracaso da estratexia da Administración Bush que coa súa guerra global contra o terrorismo, encubridora en demasiados casos de apetencias estratéxicas polo control das principais fontes de enerxía, promoveu a inestabilidade –e non a democracia–, abrindo cada vez máis frontes de tensión. Ademais, o plante de Rusia e China, afirmando os seus propios intereses cunhas economías en boa situación, sinalou diques de contención de Washington, difíciles de remontar cunha economía asediada polas débedas e cun dólar feble. Pola contra, o seguidismo e inhibición da maior parte dos países europeos en pouco positivo contribuíu a fortalecer políticas de paz e distensión no mundo.

As crises de 2008 non son poucas. Á sempre presente ameaza dos golpes indiscriminados do terrorismo, cómpre engadir o incerto futuro da tensión en Palestina e en todo o Oriente Medio, as crises políticas de Paquistán e os conflitos de baixa intensidade que perduran en Afganistán e tantos outros lugares. Tamén cómpre seguir de preto a tensión entre China e Taiwán ou entre Serbia e Cosova, litixios político-territoriais que poden deparar algún sobresalto.

Europa, que deixou atrás a súa crise constitucional, abre un horizonte de ratificación do Tratado de Lisboa. Será un ano de transición e só cabe desexar que permita esa mellora da eficiencia tan buscada, pero tamén a formulación de políticas diferenciadas que exclúan, por exemplo, unha nova hipoteca do territorio europeo ás estratexias belicistas de EEUU. América Latina e África, que viven momentos de afirmación dos procesos de integración continental, deberán atopar camiños para plasmar o cambio de discurso en apreciables melloras sociais para unhas poboacións aínda moi castigadas pola pobreza e o esquecemento. É nese aspecto onde cabe apostar polo maior dos radicalismos e excluír a moderación.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Outros



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 28/12/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta